EconomíaEconomíaÚltima hora

Porto (Zamora) celebrará mañá a súa tradicional Feira do Gando

A inauguración será ás 11 horas

Feira do Gando en Porto nunha edición anterior./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nun frondoso val delimitado polo Parque Natural Lago de Sanabria e a Serra Segundera, Porto conta cun espazo natural de gran atractivo turístico, con numerosos mananciais espallados por toda a xeografía.
Con todo, esta a localidade zamorana é famosa polas súas feiras de gando, vacún e equino, que se veñen celebrando desde o século XIX entre os meses de maio e outubro.

A finais de xullo, en torno ao cento de fermosos cabalos enchían Porto de Sanabria nunha nova edición da feira equina, que nos últimos anos está a contar cunha alta participación dos veciños de Porto e os turistas que veñen de Zamora e de Galicia, tal como asegura o alcalde da localidade ‘portexa’, Francisco Blanco.

A seguinte cita de Porto coa gandería, a máis destacada, será mañá, 26 de agosto, nunha nova edición da feira de gando bovino. Neste encontro danse cita os mellores exemplares da raza Alistana-Sanabresa da provincia de Zamora, cun concurso que se divide en varias categorías (sementais, reprodutoras, xatos, xatas e tenreiros), e unha exposición das ganderías da localidade.

 

O alcalde de Porto, Francisco Blanco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O primeiro anuncio sobre a feira saía publicado o 10 de xullo de 1917 con Feliciano Castaño como alcalde. Con todo o 11 de xullo de 1915 “xa se aprobara por unanimidade da entón Corporación presidida por Juan Miguel Granja, establecer esta feira”, asegura o actual rexedor, destacando que hoxe en día, estas feiras son tamén un gran mercado que congrega a numerosas persoas, da comarca de Sanabria, de Galicia e tamén de Portugal. “Outrora cando a forma de vida era a gandería, era moi relevante, xa que a economía familiar dependía dela”, di Blanco, recoñecendo que hoxe non son tan importantes as transaccións de venda de gando, “pero si é transcendente para seguir mantendo esta tradicional feira e agora maioritariamente o que se venden son os produtos típicos de mercado (roupa, calzado, alimentación,…) que en certa medida mantennos vivos”, di o alcalde asegurando que a gandería foi o piar da economía familiar ao longo da historia de Porto.

Actualmente son tres os gandeiros locais “aínda que hai unha ducia de foráneos que arrendan e pastan a serra dando moito valor á economía local”, di o alcalde. Gandeiros que mañá reunirán as súas cabezas no recinto feiral de Porto para deleite dos visitantes, moitos de Valdeorras e Viana do Bolo.

A inauguración será ás 11 horas e entre as autoridades presentes esperáse ao presidente da Deputación e ao presidente de AECAS.

 

Artigos relacionados

Back to top button