
A cantiga “Pulpeiriña do Arenteiro”, considerada como un Himno da Festa do Pulpo do Carballiño, estrenarase este próximo sábado, 17 de xuño, nun acto que terá lugar ás 12:00 horas na Praza Maior do Carballiño. Neste evento intervirán un cuarteto de gaitas e pandereta da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e o Orfeón do Carballiño.
Será o primeiro acto no que se presente en público esta cantiga composta por Xosé Luis Foxo e Felipe Senén, autores da música e a letra, respectivamente.
O acto, que terá unha duración aproximada de 30 minutos, comezará coa interpretación dunha peza musical a cargo do cuarteto da Real Banda de Gaitas. A continuación o Orfeón do Carballiño interpretará tres cancións populares galegas do seu repertorio (Negra Sombra, A Rianxeira e o Galo comadre). E finalmente, todos xuntos interpretarán a cantiga da Pulpeiriña do Arenteiro, que pechará o acto.
Previamente, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e Xosé Luis Foxo, farán unha breve presentación do evento.
O acto desenvolverase ao aire libre pero baixo unha carpa que se instalará na parte superior da Praza Maior para ter sombra.
Por outra parte, xa está na imprenta o CD que edita o concello do Carballiño para dar a coñecer esta cantiga, e como promoción da LV Festa do Pulpo, e que contén outras cancións interpretadas pola Real Banda de Gaitas de Ourense. Este CD inclúe dous libriños con fotografias antigas de pulpeiras e da Festa do Pulpo, asi como un artigo de Felipe Senén sobre “Músicas e cantares no Carballiño”. A gravación da cantiga realizouse no auditorio municipal coa intervención do gaiteiro Marco Foxo, a pandereteira Cristina Pumar e a Coral Polifónica do Casino do Carballiño.