EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Pregón e homenaxe como aperitivo do xantar do Botelo do Barco

O pregoeiro, José Mª Rodríguez, contou ao “Boteliño” a orixe e evolución da cita gastronómica

Con catro temas do Orfeón Valdeorrés (dous de bandas sonoras adicadas ao pregoeiro gran afeccionado ao cine), unha foliada e o Himno do Botelo, arrancaba na mañá do 20 de xaneiro o acto que marcaba o inicio do día grande da Festa do Botelo do Barco. Presentado por Ainhoa Carracedo de Cope Valdeorras e María Fernández de Onda Cero Valdeorras, o acto continuaba coa mención de honra desta edición a Manola García, matriarca da familia “Parra” moi vencellada á hostalaría barquense que recibía o agasallo de mans da concelleira de Cultura Margarida Pizcueta e do alcalde do Barco Alfredo García, sendo unha das súas fillas, Charo López, quen daba as grazas no seu nome e no de toda a súa familia. Trala proxección dun video realizado por Gustavo Docampo sobre a vida da homenaxeada, o alcalde tamén adicaba unhas palabras de recoñecemento para o home de Manola, Miguel, falecido hai dez anos, co que “pasei mos bos ratos, logrando sacar adiante a Comunidade de Regantes do Serro”, dixo.

 

O pregoeiro da XVIII Festa do Botelo, José María Rodríguez.

De seguido chegaba o turno do pregón. Dende Paco Campos na primeira edición en 2001 ata Luis Davila e Carlos Blanco o ano pasado, foron moitos os pregoeiros que presentaron e loaron ao Botelo do Barco e a súa festa gastronómica ao longo deste anos, complicando cada vez máis o labor do elixido en cada edición. Con 17 anos ás costas, José María Rodríguez Ramos “Polo” o pregoeiro desta XVIII edición non o tiña nada fácil pero foi quen de sorprender ao público, cunha posta en escena divertida, amena e tamén emotiva.

“Sempre dixen que a esta festa lle faltaba algo: unha mascota, así que preséntovos a Boteliño“, con estas palabras comezaba na mañá do 20 de xaneiro a súa intervención nun ateigado teatro, explicando á figura que mantiña nas mans, a orixe e evolución desta cita gastronómica que cada ano vai a máis, dentro e fóra da comarca. Con claras referencias á triloxía Stars Wars que centra o cartel deste ano e aos seus personaxes, José María contou como el mesmo “Han Polo” foi o encargado de suxerir e poñer en marcha a festa (aconsellado pola súa nai, Elvira, gran cociñeira e coñecedora do botelo), ao fronte da concellería de Cultura tamén durante as dúas seguintes edicións ata que “Han Potolo” colleu o relevo “e lle deu case todo o que ten hoxe a festa, cambiouno de local, conseguíu que fose Festa de Interse Turístico de Galicia, o himno do Botelo do Orfeón Valdeorrés, a proxección exterior coas festas na Coruña e Vigo”. Finalmente Margarida Pizcueta “que veu de fóra, deulle marcha, facéndoo crecer”.

 

O alcalde do Barco, Alfredro García entrgando a mención de honra a Manola “Parra”.

Como non podía ser doutro xeinto, o pregoeiro remataba a súa intervención, dando as grazas: “aos meus pais, ao río Sil, ao instituto, á miña pandilla, ao tele club, aos mestres, aos cines, á familia de Blas, a Gargallada, á Baños Films, a Margarida Pizcueta, a Luisa,…”. Pero era a concelleira, Margarida Pizcueta quen poñía o broche ao acto, agradecendo a asistencia e anunciando emocionada que “por primeira vez fixemos matanza en casa e deixáronme coser o botelo, algo que me fixo moita ilusión”.

Á saída do teatro, a comitiva animada polos grupos de cantos de taberna, desprazábase ata o pavillón de Calabagueiros para asistir ao xantar no que 1.300 persias degustarán máis de 800 quilos de botelo “a xoia culinaria do Barco de Valdeorras”.

 

O alcalde do Barco Alfredo García e a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, entregando un agasallo ao pregoeiro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button