CulturaCulturaÚltima hora

Presentación do libro “Imaxes Roubadas” de Nones Araújo en Verín

Será o 18 de agosto ás 20h. no salón de actos do Concello

Publicidade
Nones Araújo, autora de “Imaxes Roubadas”./ Cedida.

 

O vindeiro xoves 18 de agosto ás 20h, no salón de actos do Concello de Verín Nones Araújo presentará a súa obra “Imaxes Roubadas”, ed. Xerais 2022, libro premiado na XXIII edición do Premio Ánxel Fole de narración curta. A autora estará acompañada por Rubén Riós.

Os relatos de “Imaxes roubadas” están inspirados por obras de arte imprescindibles, e, a través delas e da palabra, condúcennos ao encontro co desamor, co abandono, co desprezo ao talento feminino, coas arelas das nais solteiras e das persoas diferentes… As destes contos son palabras roubadas ás imaxes que mergullan ao lector na pobreza infantil, nos excesos dos ricos infelices, na crise, no incivismo, no fanatismo relixioso, no erotismo e no humor. As segundas oportunidades, que inzan de esperanza os amores serodios, e os individuos impresentables, convertidos en boas persoas por arte da maxia e da tolerancia, tamén forman parte deste fermoso catálogo literario.

Nones Araújo (Riós, Ourense, 1953) naceu a carón de castiñeiros centenarios. Mestra xubilada, deu clase de Lingua nos anos 70 na segunda etapa de E.X.B. no colexio Dr. Fleming, e educación infantil no CEIP de Balaídos. Nos últimos anos exerceu tamén de profesora de Lingua en educación secundaria no IES Alexandre Bóveda de Vigo.

Comezou a escribir e a participar en certames literarios que a animaron a manter as neuronas con saúde. En 2020 conseguiu o VIII Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra de Parada de Sil. En 2021 gañou o XXIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole do Concello de Lugo con Imaxes roubadas (Xerais, 2022) e o Certame Literario Exeria, convocado polo Ateneo Atlántico de Vigo xunto coa Fundación Xoán Piñeiro. Recibir a gratitude do seu alumnado, ver felices aos seus e escoitar o río pola noite na aldea contentan, xunto coa escrita, o seu retiro dourado.

Artigos relacionados

Back to top button