En portadaÚltima hora

Presentación oficial das Escolas Deportivas Municipais de Viana do Bolo

Este acto celebrábase no campo das Carrelas no descanso do partido entre o CD Viana e Parada de Sil CF

 

Con moita ilusión e ganas están a participar os máis pequenos nas Escolas Deportivas Municipais de Viana do Bolo. Contan con case un cento de rapaces e rapazas organizados por idades e tamén por actividade deportiva. Nesta tarde de Domingo de Ramos, as escolas (cuxa concesionaria é Pinchacarneira) facían a súa presentación oficial no estadio de fútbol das Carrelas, no descanso do partido entre o CD Viana e o Parada de Sil C.F.

Os primeiros en saír ao céspede eran os integrantes do equipo infantil-cadete de fútbol, despois os xogadores do equipo de baloncesto de categoría benxamín-infantil, o equipo predeporte de primeiro e segundo de primaria, o equipo de baloncesto xuvenil, o de fútbol mini (benxamín e alevín) e, finalmente, os integrantes da escola predeporte mini.

 

 

“Nos equipos de predeporte o que facilitamos é unha toma de contacto dos máis pequenos con diferentes tipos de deporte”, explican dende Pinchacarneira. As escolas botaban xa a andar antes da pandemia, pero como consecuencia dela sufriron un parón, e agora volven a retomarse buscando “que calquera neno teña a posibilidade de facer deporte e adestrar sen necesidade de desprazarse a outro concello, xa que Viana do Bolo conta con instalacións e mesmo lle damos facilidades á familia para ir buscar o neno”. Tamén organizan encontros amistosos (no caso dos equipos de fútbol e baloncesto) para que os nenos poidan xogar con outros equipos.

Dende Pinchacarneira tamén agradecen a colaboración de diferentes patrocinadores que permitiron dotar aos nenos de equipación, así como o respaldo das familias. “Temos o apoio do Concello de Viana e o patrocinio de moitas empresas locais”.

 

 

O acto da presentación finalizaba coa entrega dun agasallo, unha camiseta das escolas, “a catro persoas que nós axudaron durante a convalecencia do noso adestrador principal: Juanjo, Héctor, Lorena e Rocío”. A continuación soaban os aplausos das numerosas persoas que seguían o acto dende as bancadas e dende diferentes puntos do campo das Carrelas e, finalmente, facíase unha foto da “familia das Escolas Deportivas Municipais de Viana do Bolo”.

O concelleiro Abelardo Carballo, presente no acto, destacaba que resultaba unha alegría ver as escolas deportivas municipiais funcionando e a participación dos máis pequenos.

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button