O cartel da LVII Festa do Pulpo do Carballiño foi presentado onte, 18 de xullo, polo alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal. A deseñadora, Ari Quintas, tamén foi a autora do cartel da pasada edición.

Francisco Fumega afirmou que se trataba dun cartel moi fermoso, o cal representa á perfección a simbiose do parque municipal coa tradición pulpeira e a do escanciado da sidra, nun claro homenaxe a Asturias, a quen se lle dedica este ano a festa. Por iso agradeceu o seu compromiso co Carballiño e o seu bo facer como deseñadora para levar o nome da Festa do Pulpo “polo mundo adiante”.
Pola súa banda, Manuel Dacal compartiu este agradecemento e referiuse a presentación da festa o próximo luns día 22 en Xixón, con asistencia das primeiras autoridades municipais e autonómicas, así como de persoeiros e medios de comunicación de Asturias. Ademais, explicou que a próxima semana íase efectuar a presentación oficial da festa xunto cos patrocinadores e corporación municipal.
