PolíticaÚltima hora

Preséntanse as candidaturas do PSdeG-PSOE na comarca do Carballiño

O obxectivo dos socialistas é aumentar as alcaldías e "sumar novos votos para rematar co baltarismo"

 

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar as súas candidaturas na comarca do Carballiño, nun acto nesta vila que contou coa presenza dos candidatos desta zona ourensá, que estiveron arroupados polo secretario provincial, Rafa Villarino; pola deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega; e por outros cargos institucionais socialistas, así como por numerosos militantes.

Neste acto coincidían en destacar a necesidade da “política útil” do PSdeG-PSOE para mellorar a vida da veciñanza nunha comarca “que precisa revitalizar numerosos municipios tras anos de abandono e maltrato” por parte do Partido Popular. Dende o PSOE ourensán márcanse como obxectivo “aumentar o número de alcaldías na bisbarra e mellorar os resultados electorais, recadando un maior número de apoios ás candidaturas socialistas, que axude tamén a mudar o goberno provincial”.

Os actuais alcaldes do Carballiño, Paco Fumega, e de Maside, José Manuel Iglesias Araujo, repiten como candidatos, ao igual que o actual voceiro no Irixo, Iago Fariñas Valiña, e a voceira en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez. Os socialistas estrean novas candidaturas en varios concellos como Boborás, no que encabezará a lista María Luisa Lorenzo; en San Amaro, María Jesús Fernández asume o reto de acadar a alcaldía; e en Piñor, onde a candidata será Almudena Fernández. Teñen tamén pechada a candidatura de San Cristovo de Cea, que darán a coñecer en próximos días.

 

 

Dende o PSdeG-PSOE ourensán sinalan que as mulleres socialistas “cobran un especial protagonismo nesta comarca”, na que haberá 4 candidatas en 4 dos seus 8 concellos. Neste senso subliñan que a súa aposta “é aumentar o número de rexedoras nos vindeiros comicios electorais e para elo presentamos máis candidatas, que chegan a estas eleccións moi preparadas e coa forza e as ganas de darlle futuro e esperanza aos seus concellos, a bisbarra e a nosa provincia”.

“O poder municipal socialista representa o avance e o progreso que a provincia de Ourense tanto precisa e que xa vemos en concellos como O Carballiño ou Maside, exemplos do bo facer que debe estenderse ao resto de municipios da bisbarra”, afirman dende o PSdeG-PSOE, a vez que tamén apuntan que “é por iso que en maio temos a oportunidade de facer cambiar a realidade nesta provincia que está en mans dun baltarismo rancio, clientelar e caciquil”.

Aseguran que as cifras indican que o socialismo “vai camiño de consolidarse como a forza maioritaria na provincia de Ourense, co impulso de candidaturas sólidas, fortes e gañadoras coma as que encabezan os alcaldes, alcaldesas e candidatos e candidatas da comarca do Carballiño”. Por último, dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que “da nosa man hai futuro para Ourense, e hai futuro para esta bisbarra e os seus concellos”.

Artigos relacionados

Back to top button