EconomíaEconomíaÚltima hora

Preséntase a campaña “Galicia é auga. Galicia é vida” en Fitur

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, erixiu hoxe a Galicia Como destino turístico de calidade consolidado e atribuíno á sustentabilidade e excelencia que ofrece, á vez que a valores como a “autenticidade”, “identidade” e “confianza” que, ao seu entender, fan da Comunidade un “destino diferente” e acaban por provocar “que cada vez nos visite máis xente”.

Así o defendeu na presentación da campaña promoción turística Galicia é auga. Galicia é vida, que se deu a coñecer hoxe en Madrid na 44 edición da Feira Internacional do Turismo (Fitur) baseada, segundo explicou, no “sinal de identidade” que supón ser a comunidade con máis quilómetros de costa e contar cun gran potencial de recursos hídricos, que están presentes nas catro provincias.

“Temos tantas cousas das que presumir e estar orgullosos e imos amosalas todas coa referencia da auga”, resumiu sobre a liña promocional da Comunidade galega en Fitur, onde puxo en valor o “ano fantástico” en materia turística de Galicia, en referencia aos case sete millóns de visitantes chegados a Galicia, segundo os últimos datos do INE, a falta de coñecer os datos referidos a establecementos extrahoteleiros de decembro de 2023.

 

 

Valores de Galicia calidade

Rueda salientou que a Comunidade ten alcanzado esta cifra de visitantes da man do sector “sen obsesionarnos e con sentidiño”, un número que considerou unha “magnífica noticia” e síntoma de que “entre todos estamos a facer as cousas ben” ao redor da consolidada marca “Galicia Calidade”.

Neste senso, apuntou que esta calidade tamén vén da man dos seus produtos marisqueiros e pesqueiros, cuxo consumo demandou que “agora mesmo hai que apoiar máis ca nunca” dentro desa defensa de equilibrio entre sustentabilidade ambiental e desenvolvemento socieconómico do litoral.

De igual xeito, atribuíu esa calidade do sector turístico galego ao Camiño de Santiago co que considerou que “todo o mundo identifica Galicia”; e tamén á artesanía galega que suma a tradición do “feito a man” con modernidade, e citou neste senso o traballo das redeiras de Corme presentes nesta edición de Fitur.

 

 

Engadiu tamén á marca Galicia calidade ás 40 denominacións do orixe e identificacións xeográficas protexidas que existen na comunidade; e tamén os bens de interese cultural cos que conta Galicia, entre os que enxalzou a festa do Entroido, que será recoñecida con esta máxima distinción patrimonial.

“Somos riquiños, somos hospitalarios, temos unha magnífica cultura e temos produtos de excelente calidade que nos diferencian e que temos que seguir fundamentando con potencia e con futuro”, aseverou o presidente galego para concluír a súa intervención.

Artigos relacionados

Back to top button