CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Preséntase a “I Santa Cristina in musica”, con concertos o 17 e o 24 de setembro en Parada de Sil

As actuacións terán lugar no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

 

O Liceo de Ourense acollía esta mañá a primeira edición de “Santa Cristina in musica”, un evento que terá lugar no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil) os días 17 e 24 de setembro. Ao acto asistiron Francisco Magide, tenente alcalde e concelleiro de cultura do Concello de Parada de Sil, e Conchi da Silva, de Shelly Art Management.

Na súa intervención, Magide explicou que “Parada sempre apostou pola cultura e polo turismo, do que é todo un referente na Ribeira Sacra, de aí a decisión de organizar esta nova iniciativa cultural que arrinca este ano”.

Pola sua banda, Da Silva, coordinadora de “Santa Cristina in musica”, comentou que se ofrecerán “dous concertos moi especiais que nos traen músicas de Oriente e Occidente”. O do día 17 de setembro correrá a cargo dos marroquís Iman Kandoussi e Aziz Samsaoui, que “nos levarán a distintos puntos do Mediterráneo con cancións de poetas andalusís e do norte de África”, dicía a coordinadora. O seguinte sábado, día 24, a soprano brasileira Rosana Orsini e o guitarrista galego José Manuel Dapena farán o Stabat Mater de Luigi Boccherini, un programa sacro que será o contrapunto perfecto ao programa do concerto anterior.

 

 

“Son dous programas opostos pero que se complementan, música de distintas culturas e lugares que conflúen nun espazo singular e cunha acústica marabillosa, esa é a idea de “Santa Cristina in musica”, un diálogo musical na Ribeira Sacra, unha ponte entre épocas e estilos, entre músicos e instrumentos”, indicaba Da Silva.

 

 

O Concello de Parada de Sil é o principal patrocinador, pero tamén colaboran a Deputación de Ourense (a través o INORDE) o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Asociación Pórtico Musical e a adega Ponte da Boga.

As entradas, ao prezo de 15€ por concerto, xa se poden adquirir en http://santacristinainmusica.eventbrite.com e nos próximos días no propio Mosteiro de Santa Cristina.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button