O vindeiro venres 7 de xuño, ás 20 horas, na sede da Fundación Vicente Risco en Allariz, terá lugar a presentación do libro “Doutrina e Ritual da Moi Nobre Orde Galega do Sancto Graal. A Estrela do Apóstolo” de Vicente Risco.
No acto están previstas as intervencións de Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco, e de Felipe-Senén López Gómez, arqueólogo, responsábel da edición, estudo e notas.
No ano 1914 Vicente Risco asiste en Madrid ao Parsifal de Wagner, de inspiración celto-cristiá. E velaí a inspiración para o borrador da “Doutrina do Sancto Graal”, reivindicación do seu simbolismo: o cáliz, a estrela, o corno, os montes sacros de Galicia, desde un realismo máxico que lle porá aura á creatividade daquel tempo.
Felipe-Senén López Gómez achega ao público nesta edición un pormenorizado estudo, transcrición e notas, ao redor dos textos de Vicente Risco.
