OurenseÚltima hora

Preséntase o fotolibro de Joan Alvado, gañador do X Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Presentación do libro en Ourense.

 

Na mañá deste xoves 5 de outubro, a Galería Marisa Marimón de Ourense acollía o acto de presentación do libro “Os batismos da meia noite, X Premio Galicia de Fotografía Contemporánea” que recolle as imaxes do ensaio homónimo que se ergueu co recoñecemento do xurado do Premio galego convocado polo Outono Fotográfico nunha coidada publicación baixo o selo editorial da Difusora de Letras Artes e Ideas.

No acto, ademáis do autor, Joan Alvado, estiveron presentes os organizadores e editores Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves e, polos patrocinadores, o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e Iria Castro, deputada de Cultura da Deputación de Lugo.

O Premio Galicia nacía ao abeiro do festival Outono Fotográfico co obxectivo de situar á Galiza no circuito internacional da fotografía e de promover nesta disciplina novas creacións na linguaxe visual contemporánea. Co proxecto gañador, en cada edición prodúcese unha exposición que itinera durante dous anos e editase un libro, e neste 2023 lanza o seu undécimo libro nos seus dez anos de existencia.

 

O curador organizador do Premio e o premiado estiveron presentes por videoconferencia.

 

“Os batismos da meia noite, X Premio Galicia de Fotografía Contemporánea” é a tradución editorial do ensaio fotográfico de Joan Alvado, que transita, en palabras do curador organizador do Premio, Vítor Nieves, “un territorio no que se desenlean os límites do aquén e do alén, no que os conxuros e os feitizos son o pan de cada día, onde existen persoas capaces de comunicarse cos mortos, e as señas (aparicións) son mesmo unha realidade que abre pasaxes a outras dimensións. Serras ateigadas de meigas que atesouran a sabedoría dos rituais contra o mal ollar e as posesións, curandeiras espalladas polas aldeas, leiras con amuletos, facenda con reliquias, encrucilladas nas devesas para tirar o mal do corpo, e vagoadas nas que o sangue non coalla”.

Segundo Nieves Os batismos da meia noite lévanos a unha inmersión nun mundo de misterios e filosofias inmemoriais. “A través das fotografías de Joan Alvado, somos testemuñas dunha realidade que se esvae co paso do tempo, mais que, grazas á súa habilidade fotográfica e ao seu particular xeito de construír narrativas visuais, pervive nas imaxes. Unha ollada poética que emerxe as tradicións e que nos convida a reflexionar sobre a nosa identidade primitiva”, explica.

O libro pode edquirirse en librarías especializadas e na páxina web de Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Artigos relacionados

Back to top button