CulturaEducaciónÚltima hora

Preséntase o programa “Nadal en Rede” da RDL

A música infantil en galego chegará aos concellos da man de Uxía e Magín Blanco
Asistentes á presentación do programa de Dinamización Lingüística.
Asistentes á presentación do programa de Dinamización Lingüística.

A Cidade da Cultura de Galicia acollía na mañá do 12 de decembro, a presentación da programación de Nadal que chegará a partir desta fin de semana a concellos da Rede de Dinamización Lingüística, da man dunha edición de Nadal en Rede renovada e ampliada no marco da programación anual de actividades da RDL.

O acto, no que o titular de Cultura e Educación Xesús Vázquez, estivo acompañado polo secretario xeral de Política lingüística, contou coa participación de Uxía e de Magín Blanco, os artistas encargados das propostas musicais de Nadal en Rede 2014: “A cantar con María Fumaça” e “Cantigas da estrela”, respectivamente.

Uxía convidará ás familias a subir no tren da música para festexar o Nadal cantando e bailando en galego. Nun concerto exclusivo de Nadal en Rede percorrerá 14 localidades galegas acompañada de Santi Cribeiro e de Sérgio Tannus, da famosa María Fumaça e dun amplo e divertido repertorio no que combinará as pezas do “Xiqui xoque, fiú fiú” con panxoliñas e con outras músicas tradicionais propias deste tempo. Os concertos arrancan este domingo nos concellos coruñeses de Fene e de Ordes e percorrerán ata xaneiro Burela, Vilaboa, Lalín, Oleiros, Boiro, O Barco de Valdeorras, Ribeira, A Estrada, Ames, Bueu e Verín.

Pola súa banda, o rues Magín Blanco animará a xente miúda da casa a seguir o ronsel das estrelas para gozar do Nadal coas músicas máis coñecidas de “Gatuxo” e de “A nena e o grilo”, nun concerto moi especial que integra vilancicos inéditos do músico e compositor. Acompañarano María Faltri e Jorge Juncal nunha xira que fará parada en 19 localidades da RDL.

O programa completarase con outras actividades como “Feliciano”, “Espantallo amigo”, “Lingua de Reis”, “Un Nadal mozo e en galego. Guía de agasallos para a xente nova” ou “Recursos na rede para galeguizar o Nadal”.

Artigos relacionados

Back to top button