CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase o resultado das datacións do xacemento Penas do Castelo en Salcedo (A Pobra do Brollón)

No acto, previsto para o 23 de decembro ás 13h., participarán a edafóloga Cruz Ferro e o arqueólogo Benito

Publicidade

 

Penas do Castelo é un xacemento situado na ladeira do Río Lor na parroquia de Salcedo, no concello lucense da Pobra do Brollón. Trátase dunha fortificación monumental cunha muralla que revelou seis metros de ancho e ata catro de altura conservada tras ser escavada o pasado verán.

Foi aquela a primeira campaña, financiada pola Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello, Asociación de Veciños e Comunidade de Montes en base a un modelo de arqueoloxía en comunidade que se está a prodigar no concello Guímaro. “Cremos en proxectos que xeran recursos turísticos en comunidade, nacendo de abaixo arriba”, comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

Porén, dende o primeiro momento unha dúbida sobrevoaba as Penas do Castelo. De que época son este restos? Estamos ante un castro, ou unha fortificación altomedieval…ou outra cousa? Este tipo de preguntas que se facían os científicos sobre o xacemento son as mesmas que se trasladaban aos máis de 500 curiosos que pasaron polas visitas do verán.

“Empregamos un relato baseado na dúbida que funcionou moi ben, non debemos ter medo a dicir que hai cousas que non sabemos. Isto permite ademais achegar ás persoas o proceso de creación de coñecemento”, comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto como técnico de Cultura do Concello.

 

 

Esta gran dúbida continuaba ao remate da primeira campaña xa que os achados non permitiron unha datación ou adscrición cultural. “Trátase dun xacemento estraño, situado en ladeira, cunha muralla cun sistema construtivo orixinal e moi pouca superficie aproveitable no interior” comenta Benito Vilas, arqueólogo director. Ante esta dúbida principal o equipo orientou parte dos esforzos á consecución de mostras que permitisen establecer unha “datación absoluta” mediante probas de Carbono 14.

“Recollemos diversas mostras das que se escolleron tres” comenta Cruz Ferro, edafóloga responsable da recollida e procesamento das mostras. Estas foron enviadas ao prestixioso laboratorio BETA en Miami e os resultados acaban de chegar. Para máis información, o próximo día 23 os resultados serán presentados na Cantina de Julia en Salcedo ás 13:00h.

Dende a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacan a importancia estratéxica deste tipo de proxectos polo que supón a implicación de axentes locais. Ademais, inciden na súa  transcendencia no contexto da candidatura a Patrimonio Mundial dun territorio que xa é Reserva da Biosfera.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button