EconomíaEconomíaÚltima hora

Presenza valdeorresa nos XII Premios MOCE ao emprendemento celebrados na Coruña

As fundadoras de InCrescendo Colectivo S. Coop. Galega, Elvira e Laura Fernández, foron finalistas cun proxecto pioneiro de empoderamento de mulleres rurais

Finalistas da XII edición,  na gala celebrada na Coruña, estre os que están as valdeorresas Laura e Elvira (segunda e terceira pola esquerda).

 

A Dirección Xeral de Emprego, Fundación Ronsel e BBVA entregan anualmente os Premios MOCE para recoñecer o labor de autónomos, cooperativas e microoempresas galegas ás que a Fundación, co apoio da Xunta de Galicia, acompaña no seu proceso de emprendemento.

A cerimonia da XII edición, que tivo lugar este xoves 18 de novembro na sede da Fundación Paideia na Praza de María Pita da Coruña, estivo presidida pola Directora Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca Carús, xunto a Daniel M. Fernández, BBVA Director da Zona Galicia Norte e Luis García Deber, Director Fundación Ronsel.

 

Covadonga Toca, Directora Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Elvira e Laura Fernández, fundadoras de InCrescendo Colectivo S. Coop. Galega e Rosa Álvarez, Espazocoop, Unión de Cooperativas Galegas.

 

En palabras de Daniel Fernández, os Premios MOCE son “un punto de encontro clave para os emprendedores de Galicia”, que considerou “a base da xeración de riqueza a nivel local por acadar resultados tanxibles para un futuro mellor”. Alabando o compromiso, perseverancia e valentía dos finalistas, inauguraba o acto recoñecendo que “todos sodes gañadores por estar aquí”.

Pola súa parte, a representante da Xunta de Galicia, facía fincapé na necesidade de apoiar o emprendemento nas súas distintas fases, desde a posta en marcha ata a consolidación e asesoramento profesional. Ademais, recoñecía o relevo xeracional coma un dos desafíos para Galicia e destacaba o papel do emprendemento e os valores que representa -valentía, firmeza, traballo, formación permanente, ilusión- coma un pilar fundamental da economía do futuro.

 

Luis García, Director Fundación Ronsel, Laura Fernández, fundadora de InCrescendo Colectivo e Manuel Dafonte, membro do xurado e mentor da Fundación Ronsel.

 

Dos 10 proxectos finalistas, escollidos polo equipo técnico da Fundación Ronsel entre máis de 50 candidaturas, o 70% están liderados por mulleres e traballan desde A Coruña, Ferrol, Santiago, A Rúa, Vigo, Lugo e Porto do Son, en eidos tan diversos coma a moda, a tecnoloxía, a artesanía, a alimentación, a saúde, o deseño ou o crecemento persoal.

Precisamente, Laura Fernández, cofundadora coa súa nai da cooperativa valdeorresa InCrescendo Colectivo, tivo a oportunidade de presentar o seu proxecto xunto aos demais finalistas nun emotivo evento onde ficou patente que o compromiso coa sociedade é un factor clave para o éxito empresarial. Tanto é así que, por primeira vez na historia destes galardóns, produciuse un dobre empate, con dous primeiros premios –Frouma, unha marca de mobiliario realizado a partir de bateas recicladas e Vi&Go, unha start-up tecnolóxica-, e dous segundos –Slowbasic, roupa básica sostible e Sacra Experience, espazo de creación na Ribeira Sacra.

 

Un momento do acto.

 

As fundadoras de InCrescendo Colectivo, que asistiron acompañadas de Rosa Álvarez, asesora en Espazocoop (Unión de Cooperativas Galegas), agradeceron á Fundación Ronsel contar con elas nesta selección e recoñecer o seu esforzo no seu primeiro ano de traballo a prol do crecemento persoal das mulleres rurais.

Ao remate do acto, nun cóctel regado con viños da D.O. Valdeorras, as finalistas tiveron a oportunidade de explorar novas oportunidades de negocio con representantes do sector público e privado que recoñecían sentirse emocionados ante a valentía e orixinalidade do seu proxecto.

Laura Fernández aproveitou a ocasión para anunciar que o vindeiro 25 de novembro, Día contra a violencia machista, lanzarán nas súas redes sociais unha nova edición do seu reto virtual de 21 días “Namórate da túa vida!”, cun enfoque especial no vínculo nai-filla, xa que, desde InCrescendo Colectivo opinan que “non hai mellor técnica de autodefensa có exemplo dunha nai que cre en si mesma”.

 

Viños da D.O. Valdeorras servidos no cóctel.

Artigos relacionados

Back to top button