DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Preto de 20 persoas danlle unha aperta a Trevinca no “Día da Montaña Galega”

O Club de Montañismo Montañas de Trevinca promovía o 17 de xuño unha marcha ata o teito galego para conmemorar esta data

Arredor das nove da mañá do domingo 17 de xuño partía dende Vilanova (A Veiga) unha marcha de montaña con destino ao teito galego: Pena Trevinca (2.127 m). Nesta iniciativa, promovida polo Club de Montañismo Montañas de Trevinca e polo Concello da Veiga, participaban unhas 17 persoas, dúas das cales sumábanse ao traxecto dende Fonte da Cova.

En torno ás 13:30h. celebrábase no cumio o “Día da Montaña Galega” e o XVI aniversario “Unha aperta a Trevinca”, unha iniciativa na que se daba un saúdo a todas as montañas galegas dende Pena Trevinca. Este acto pretendía ser un recoñecemento a “unha abondosa e magnífica natureza de montaña, que abrangue, dende o pequeno e admirado Tegra na Garda, aos cordais da Capelada e A Faladoira en Ortegal, dende os míticos Pico Sagro e O Pindo no Finisterre e terras de Santiago de Compostela, ata os altos picos de Manzaneda, Courel, Xurés e Ancares, e como nai de todos eles, as Montañas de Trevinca”.

A actividade, na que tamén se contaba coa colaboración de Protección Civil, prolongábase ao longo de 9 horas e finalizaba, como estaba previsto, en torno ás seis da tarde.

Con esta homenaxe á montaña galega buscábase “un maior coñecemento e unha máis efectiva protección” dos entornos de montaña. “A nosa mensaxe de protección”, destacan dende o Club de Montañismo Montañas de Trevinca, “resumiríase en dar a coñecer as nosas montañas, protexelas e admiralas e amalas”.

Fotos: Jose Carballiño.

Artigos relacionados

Back to top button