En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Preto de 900 persoas réndense ao engado das covas de Petín

A localidade celebraba na tarde e noite do 2 de setembro a VIII Ruta das Bodegas, promovida pola Asociación Fontegrande e coa colaboración do Concello

 

Os grandes portóns de madeira que custodian as antigas adegas, algunhas co covas subterráneas, de Petín abríanse a partir das 20h. do 2 de setembro ao numeroso público que se achegaba ata esta vila valdeorresa, que se vestía de festa, para celebrar na VIII Ruta das Bodegas. Esta iniciativa, que promove a Asociación Cultural Fontegrande en colaboración do Concello de Petín e de Protección Civil, rende tributo á cultura do viño deste municipio e pon en valor un dos seus legados etnográficos: as súas antigas covas.

 

 

Preto de 900 persoas participaban nesta celebración que tiña como centro neurálxico a rúa Santiago, para logo despregarse por diferentes puntos da localidade. Os participantes, cunca en man, iniciaban un traxecto gastronómico e festivo polas dez adegas que abrían nesta edición. O que lles permitía desfrutar dos seus viños e tamén de petiscos como paellla, ucheira e panceta asada, acompañada de pan, así como de embutidos nalgunhas adegas.

Ademais algunhas das adegas son auténticos museos. Reúnen singulares obxectos, algúns relacionados co mundo do viño e outros non, que levan a épocas pasadas nas que a luz eléctrica non existía.

 

 

 

O custe da entrada era de 10 euros para os adultos e de 5 euros para os nenos (aos que se lles servían refrescos). Este percorrido polas covas estaba ademais animado polo ritmo da charanga Achicoria, de Xinzo de Limia, que percorría a ruta dende as oito da tarde.

 

 

A partir da medianoite a festa trasladábase á praza de Petín onde os asistentes bailaban ao son dunha distoteca móbil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button