En portadaSanidadeÚltima hora

Prevese que as obras de mellora do Hospital de Valdeorras conclúan este ano

O conselleiro de Sanidade visitou a nova área de cirurxía maior ambulatoria, que entrará en funcionamento de inmediato, e a actuación na zona de consultas externas que rematará en outono

Comesaña visita as reformas no HPV.

 

Hai uns días o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaba as obras de mellora que a Xunta de Galicia está a concluír no Hospital Público de Valdeorras, acompañado polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial, e o director do distrito sanitario de Valdeorras, Alberto Pedrera. Insitu. Comesaña comprobou o estado da nova área de Cirurxía Maior Ambulatoria, que “entrará en funcionamento de inmediato e permitirá incluír máis procedementos cirúrxicos ao mellorar as zonas de preparación e de recuperación, e que facilita unha visión directa dos pacientes desde o control de enfermería”, dixo.

A posta en servizo desta nova área conclúe un contrato de obras de mellora adxudicado en 2021 por importe total de 1,2 millóns de euros, e que xa supuxo a posta en funcionamento, o pasado decembro, dun renovado hospital de día para os pacientes onco-hematolóxicos e, en marzo deste ano, dunha nova farmacia hospitalaria.

 

 

Comesaña visitou tamén a zona de consultas externas, na que se está a rematar unha actuación por valor de 650.000 euros encomendada á empresa pública Tragsa. Acompañado dos responsables desta compañía, o conselleiro comprobou os avances desta obra, que “xa superou a primeira fase e que concluirá neste outono”. Esta actualización da área de consultas externas implicará a dotación dun sistema de quenda, a instalación dun novo ascensor-montacamas e a mellora do confort térmico da área de rehabilitación e das zonas de espera, instalando nos accesos unha cortina modular de aire con control intelixente e portas corredizas automáticas.

 

 

A posta en marcha desta nova área “suporá tamén a incorporación, na área de oftalmoloxía, de equipos como un tomógrafo ou un biómetro, indicados para diagnosticar a dexeneración macular ou a retinopatía diabética. Diagnósticos estes que, por primeira vez, vanse poder realizar en Valdeorras sen necesidade de desprazarse a Ourense”, din dende a Consellería de Sanidade.

O conselleiro de Sanidade trasladou aos responsables de área sanitaria e do distrito valdeorrés “a próxima resolución, á volta do verán, do concurso de méritos convocado pola Xunta para cubrir prazas vacantes de difícil cobertura nos hospitais comarcais e que inclúe 21 prazas para o Hospital Público de Valdeorras”.

 

 

Así, nos vindeiros meses, “incorporaranse ao hospital dous novos especialistas en hematoloxía, dous de xinecoloxía e obstetricia, dous internistas, dous cirurxiáns xerais, dous médicos de urxencias, dous farmacéuticos hospitalarios e un profesional de cada unha das seguintes especialidades: dermatoloxía, endocrinoloxía, enfermería especialista de saúde mental, hospitalización a domicilio, microbioloxía, oftalmoloxía, otorrinolaringoloxía, pediatría e radiodiagnóstico”, explicou.

Comesaña destacou que a incorporación destes profesionais “poderá producirse grazas a unha reforma legal promovida polo goberno galego que habilitou á Xunta para poder ofertar, a través dun concurso de méritos, sen necesidade de oposición, prazas vacantes de hospitais comarcais como o de Valdeorras”.

Artigos relacionados

Back to top button