Contra as once e media desta mañá de 19 de setembro a Garda Civil e representantes do Xulgado do Barco achegábanse ás instalacións da empresa Samaca (Carballeda de Valdeorras) para executar a setenza de desafiuzamento, promovida pola Comunidade de Montes Portela e Trigal, dos terreos nos que se atopan, o que supoñía o desaloxo do persoal das naves desta empresa de lousa, segundo vén de informar a CIG.
Os traballadores, sorprendidos e indignados, resistíanse a deixar o lugar e concentrábanse en sinal de protesta no exterior das intalacións da empresa. A intención dos traballadores é non moverse do lugar, tal e como confirma o secretario local da CIG, Francisco Moral, que se atopa con eles.
“Viñeron sen aviso ningún pecharon as oficinas de Irosa e de Samaca e agora quérennos sacar do noso posto de traballo. Hai unha sentenza que di que os terreos son de Irosa, pero como hai un período duns días ou así que non saíu a sentenza, pois quérennos sacar de aquí. Entón estamos esperando que se arranxe isto para poder manter o noso posto de traballo. Quérennos sacar e nós mantémenos na nosa liña, non imos saír de aquí. Isto está presuntamente arranxado, pois que busquen unha solución pero non nos poden sacar do noso posto de traballo”, explicaba ao Periódico O SIL un dos membros do comite de empresa, representante de CCOO.
Do mesmo xeito se manifesta o presidente do comité da empresa, representante da CIG. “Imos a loitar ata o final, isto non o imos deixar, imos loitar polo noso, polo noso soldo, e por todo, porque en canto nos saquen desta vez, terminouse todo. Se hai que acampar aquí e comer, farémolo, imos loitar polo noso traballo e por todo, que son moitas familias as que estamos aquí, que imos todos á rúa, ¿como pagamos despois hipotecas, alugueres e demais? Non, non o imos consentir, imos loitar ata o final”.
En canto se teñan máis datos ampliarase información.