A RúaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Procesión de San Roque dende a igrexa de Santo Estevo ata a capela, na Rúa Vella

 

Logo de presidir a misa maior do domingo na igrexa parroquial de Santo Estevo onde repousaba dende o 18 de agosto trala celebración da novena, a imaxe de San Roque regresaba á súa capela no campo de nome homónimo, na Rúa Vella.

 

 

Facíao no mediodía deste domingo 20 de agosto nunha concorrida procesión que partía da igrexa acompañada pola Banda de Música Santádega de Coles. Cos sacerdotes José Fernández de Abajo (actual párroco) e Severino Pérez á cabeza e a rosca de San Roque que máis tarde era repartida entre os asistentes, a comitiva percorría parte da rúa principal da vila ata chegar á capela onde o santo descansará ata o vindeiro ano. A Policía Local e Protección Civil controlaban o tráfico durante a procesión e deseguido, coa imaxe xa no interior, a banda de música amenizaba a sesión vermú do domingo.

 

 

A mesma agrupación musical dará un concerto pola tarde (19h.) na praza César Conti, completando a xornada a actuación, en sesión de tarde e verbena, da orquestra Costa Dorada.

 

 

As Festas de San Roque continúan mañá (festivo local na Rúa) coa misa campestre ás 12:30h no campo de San Roque; o pasarrúas da Charanga Nova de Trives;  festa da auga para os nenos pola tarde; e a actuación da orquestra Saudade, xa pola noite.

 

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button