ConcellosGalerías de fotosTrivesÚltima horaVídeos

Procesión do Santo Cristo da Misericordia no 250 aniversario da súa chegada á Pobra de Trives

 

A Pobra de Trives volve estar en festas e como cada 14 de setembro, no mediodía de hoxe a imaxe do Santo Cristo da Misericordia percorría as rúas da vila nun dos actos máis esperados polos devotos, no que tamén sacan a imaxe da Virxe e que neste 2024 cobraba especial protagonismo ao celebrar o 250 aniversario da chegada da imaxe ás terras de Trives polo que contaba coa presenza do bispo de Astorga Jesús Fernández e numerosos sacerdotes.

 

 

Entre os asistentes, ademais estaban coma sempre membros da corporación municipal coa alcaldesa Patricia Domínguez á cabeza, xunto a veciños como o doutor Julio Ancochea e membros do Exército destinado en Trives. Velando pola seguridade, a Policía Local e membros de Protección Civil.

 

 

O apartado musical da xornada deste sábado corre por conta da Banda de Música Lopo Lías de Boborás que, ademais do pasarrrúas pola mañá e o acompañamento na procesión, dará tamén un concerto ás 18 horas na praza do Pilón. Pola noite, o grupo Assia actuará a partir das 22:30 horas na rúa San Martín.

 

 

Os actos continuarán mañá, 15 de setembro coa Banda de Música de Ramirás, que será a encargada de animar as rúas e tamén ofrecerá un concerto na praza do Pilón ás 18 horas. Ás 12:30 horas será a misa e procesión na honra á Virxe das Dores e a orquestra Salsarena pechará a xornada cunha actuación ás 21:30 horas na rúa San Martín.

Finalmente, o luns 16 de setembro a Charanga Nova de Trives encherá de música a vila e a sesión vermú.

Fotos e vídeo: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button