A RúaConcellosÚltima hora

Protección Civil da Rúa participaba en case 380 operativos no ano 2023

Membros da AVPC A Rúa na XV Festa do Codillo no pavillón muicipal./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Moitas e moi diversas eran as intervencións nas que participaba a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Rúa no ano 2023. “En 219 días 21 voluntarios participamos en 379 operativos e adicamos 773 horas do noso tempo en beneficio da comunidade”, aseguran.

Tal como eles mesmos reflicten na memoria anual, en 2023 atendían un total de 83 chamadas de emerxencias do 112 Galicia colaborando coa Policía Local, co Ges Valdeorras, cos bombeiros do parque comarcal, coa  Garda Civil e Tráfico; pero tamén “con outras agrupacións de Protección Civil que solicitaron a nosa colaboración, cos Concellos de Petín, O Barco, A Pobra de Trives, Larouco, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Carballeda de Valdeorras, Manzaneda, O Bolo e Viana do Bolo, con clubs deportivos e toda clase de entidades, escolas, asociacións de veciños, etc”. No mes de xaneiro ata tiveron que retirar neve da estrada de Roblido.

No 2023 tamén se formaron 8 voluntarios en varios cursos de aprendizaxe, desprazándose ata a Academia Galega de Seguridade e ao concello da Veiga, cursos de navegación de embarcacións, condución de 4X4, comunicación de emerxencia, manexo en emisoras TETRA, rescate en lugares de difícil acceso e de socorrismo.

 

Nun curso de condución 4×4 na Rúa./ Foto cedida.

 

Unha das intervencións que levan a cabo os voluntarios de Protección Civil son os operativos contra a vespa velutina. “Este ano notouse un aumento de niños e a nosa agrupación colaborou con SEAGA na busca e eliminación de niños, comentando que xa levaban máis do dobre que o ano pasado”, din dende A Rúa, asegurando que pola súa conta “levamos máis que outros anos”.

No que respecta a operativos de resposta a Emerxencias 112 a agrupación de Protección Civil da Rúa atendeu 83 chamadas, sendo os meses de decembro con 13 e xullo con 12 os que maior incidencia; e abril e xuño con 3 os de menor. Atenderon 15 accidentes de tráfico; 5 accidentes con xabaríns; 23 avisos por animais soltos na estrada; 19 caídas de persoas; 7 incendios urbanos; 5 niños de velutinas; 3 aparicións de serpes; 2 saídas por veciñas mortas; e 4 operativos varios.

A todo isto súmase o papeleo e a atención ao público no local que a AVPC A Rúa ten a carón do Centro Cultural Avenida, na rúa Progreso.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button