OurenseÚltima hora

Protección Civil realizaba case 60.000 operativos na provincia nos últimos meses

O presidente das agrupacións de Protección Civil da provincia de Ourense reuníase esta mañá co delegado da Xunta

 

O presidente das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e responsable da agrupación de Manzaneda, Clemente Pérez, mantiña esta mañá un encontro co delegado da Xunta na provincia de Ourense, Gabriel Alén.

No seu decurso, o delegado territorial destacou “o traballo altruísta dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que nos útimos meses realizaron preto de 60.000 operativos na provincia de Ourense”. Así, fixeron actuacións en distintos ámbitos como o reparto de alimentos e medicamentos a persoas en situación de vulnerabilidade, a limpezas e desinfeccións externas en lugares sensibles ou de pública concorrencia dos concellos ou a execución de avisos e información á poboación durante o confinamento. Tamén, dende que principiou a pandemia, prestaron apoio loxístico a medios de intervención, colaboraron no desenvolvemento das eleccións autonómicas e axudaron na campaña da vacinación da gripe.

Gabriel Alén puxo en valor o traballo que realizan as agrupacións “como reforzo dos servizos de emerxencias, especialmente en actividades de prevención, colaboración e incluso de intervención no suceso ou accidente”. Neste senso, o representante provincial do Goberno galego subliñou que “a Xunta traballa pola potenciación destes grupos, procurándolles non só unha dotación de medios senón tamén unha ampla formación do voluntariado”; resaltando que “a administración autonómica fixo nos últimos anos un importante esforzo económico na compra de equipamentos de emerxencias”.

 

 

Adquisición de material

A Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil investirá este ano o importe íntegro do convenio subscrito coa Xunta de Galicia para a promoción das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia, na compra de material sanitario e desinfección, que será repartido entre todos os membros. Deste xeito, os 6.000 euros aos que ascende o convenio foron destinados a compra de 152 litros de desinfectante hidroalcólico, 104 buzos de protección, 48 botas, 39 gafas, 37 máscaras e 53 pares de luvas.

O presidente, Clemente Pérez, destacou “o gran traballo que levan feito as agrupacións ao longo destes anos, e especialmente nestes difíciles meses da pandemia, tratando de contribuír con esta aportación de material, a operatividade das mesmas e poder continuar ofrecendo un gran servizo á cidadanía”.

Dúas novas agrupacións na provincia: en Melón e Maside

Galicia vén de rexistrar, hai uns días, o seu máximo histórico de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), ao acadar as 234 entidades activas. O que ben a remarcar o bo momento polo que pasa a Protección Civil en Galicia. Incorporándose neste 2020 na provincia de Ourense 2 novas Agrupacións de Voluntarios as AVPC de Melón, que se reactivou, e a recentemente creada no concello de Maside.

 

Artigos relacionados

Back to top button