EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Proxecto pioneiro de turismo industrial en Valdeorras baseado na lousa

Trátase dunha iniciativa na que están avanzando o Clúster da Pizarra de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de Carballeda

 

Impulsar as visitas ás explotacións de lousa de Valdeorras e ás paraxes que as rodean, dando ademais unha maior visibilidade a un sector clave na economía ourensá e galega. Neste pioneiro proxecto de turismo industrial en Galicia están a avanzar a Deputación de Ourense, o Concello de Carballeda de Valdeorras e o Clúster da Pizarra de Galicia.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar visitou hoxe os lugares de Caborco Oscuro e Pena Airola-Queivane, na parroquia de Casaio, para coñecer de primeira man o potencial turístico destas canteiras. “Nun territorio como este cunha industria extractiva tan importante e da que depende tanta xente e ten un futuro tan relevante, pois nós temos que estar aí, é unha cuestión que forma parte do noso ADN. Dentro dos intereses provinciais de Ourense a lousa ocupa un lugar con letra maiúscula, por iso síntome agradecido de estar aquí unha vez máis e aberto a escoitar calquera proposta como fixemos co turismo industrial, creo que hai que profundizar”, dicía Baltar no inicio da visita, na sede do Clúster da Pizarra de Galicia onde se reunía con representantes desta entidade.

 

 

 

Na súa visita institucional a Carballeda de Valdeorras, que incluía un percorrido por explotacións, Manuel Baltar estivo acompañado pola alcaldesa, María del Carmen González, e o presidente da entidade que representa ao sector, Víctor Cobo. “Estamos nunha zona na que queremos empezar co turismo rural e industrial, no que nos vai apoiar o presidente da Deputación de Ourense, e o que pretendemos é intentar darlle outra imaxe ao que o que se deteriorou no seu día, e outras características para que a xente poida vir a velo, amosarlle todo o que foron e son as explotacións de lousa”, aseguraba Cobo.

 

 

Manuel Baltar deixou constancia da súa satisfacción por colaborar “nun proxecto ambicioso e pioneiro, que contribúe ao coñecemento do sector e á promoción de espazos onde se compatibiliza a industria extractiva co medio ambiente e paraxes sen comparanza”. Este labor, engadiu, “reflectirase nas visitas á comarca grazas á promoción que imos realizar deste tipo de turismo, pero onde tamén teñen encaixe as rodaxes audiovisuais para difundir unha das fontes de riqueza máis importantes da provincia e de Galicia”.

Para a Deputación “a palabra clave no seu labor de goberno é cooperación”, destacou Manuel Baltar, que comprometeu a inclusión do turismo industrial entre as prioridades do Inorde, animando aos responsables do Clúster da Lousa a presentar novos proxectos para 2023 que poidan contar co apoio da Deputación: “Todo territorio é de interese xeral para a provincia, sobre todo unha comarca como Valdeorras cunha industria tan importante e un futuro tan relevante”.

 

Unha iniciativa de éxito noutros países

María del Carmen González non só agradeceu a visita institucional do presidente provincial, senón tamén a resposta que sempre atopou o Clúster da Pizarra na Deputación de Ourense “como unha institución amiga”. A alcaldesa definiu este proxecto como “un tipo de turismo diferente ao que estamos acostumados en Galicia, pero que noutros países de Europa e do resto do mundo ten cada vez máis éxito”.

Víctor Cobo tamén destacou que o proxecto de turismo industrial contribuirá “a visibilizar a relevancia que o noso ámbito de actividade posúe no entorno e a poñer en valor o noso traballo”. A produción e comercialización da lousa, explicou, é o principal motor económico da comarca de Valdeorras e un dos máis relevantes da provincia de Ourense, “chegando a crear preto de 10.000 postos de traballo directos e indirectos, polo que xoga un papel clave para asentar poboación no rural”.

 

 

Desde as canteiras en activo ata paraxes relacionadas coa industria

O proxecto de turismo industrial relacionado co sector da lousa en Carballeda de Valdeorras baséase, seguindo a liña do que se fai noutros países como o Reino Unido, na organización de visitas que permitan coñecer todo o proceso ao que se somete esta pedra, comezando por observar desde miradores como as grandes máquinas extraen os rachóns de lousa, para continuar despois nas naves de elaboración onde a pedra se corta en pezas máis pequeñas e os labradores danlle a forma que logo podemos ver en enlousados ou fachadas.

As visitas complementaríanse aproveitando as singulares paisaxes que rodean estas zonas industriais, como as lagoas creadas pola auga de chuvia nas antigas explotacións de lousa, ou un dos grandes recursos turísticos do concello como é o teixadal de Casaio, o bosque de teixos máis grande de Europa.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button