ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Purdeus (Parada de Sil) recrea a súa tradición coa IX Festa da Pisa da Castaña

Ademais de recuperar o proceso tradicional da pisa, o evento incluía degustacións, unha mostra de produtos locais e un xantar popular

 

Dende o sequeiro (onde pasaban arredor de 15 días secándose ao calor do lume e o fume), as castañas secas eran levadas na mañá deste sábado 26 de novembro en Purdeus-Chandrexa (Parada de Sil) ata o lugar da pisa. Unha vez alí, por grupos de catro persoas, íanse golpeando os sacos sobre un tallo de madeira nun ambiente especialmente festivo, animado ademais pola música tradicioinal. Numerosas persoas dábase cita nesta xornada en Purdeus para participar na súa IX Festa da Pisa, un evento que pón en valor a tradición ligada á castaña neste municipio da Ribeira Sacra ourensá.

 

 

Despois da pisa, os sacos baleirábanse e principiaba así o abandoxado, para sacarlles a segunda pel a estes froitos de outono. Finalmente, as castañas, xa limpas, íanse depositando en cestos para ser degustadas polos asistentes. Ademais da pisa propiamente dita, esta festa incluía a IX Feira de Produtos Locais, instalada nun souto próximo, e o IX Xantar Popular da Castaña.

 

 

Os actos da festa, organizada polo Concello de Parada de Sil, comezaban ás 11:30h. coa xa citada recreación do proceso tradicional da pisa. Para as 13h. estaba prevista unha degustación de petiscos elaborados con este froito. Ao mesmo tempo podían visitarse os diversos postos da feira de produtos locais. E, xa ás 14h. dábase paso ao xantar popular, cuxa entrada de 15 euros e que reunía a unhas 170 persoas.

 

 

Entre os numerosos asistentes a este evento, moitos deles chegados de fóra, estaban o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; acompañado polo alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; así como o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e rexedores doutros concellos próximos como o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, e alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, e unha representante do Concello da Teixeira, entre outras autoridades.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button