OurenseÚltima hora

Quico Cadaval será nomeado “Arraiano Maior” o 4 de agosto en Entrimo

Será no decurso dos II Encontros Arraianos de Cinema Rural, nos que fusionarán o cinema, a literatura, a música e o humor
O actor, director e narrador oral, Quico Cadaval./ Foto: A.R.

A segunda edición dos Encontros Arraianos do Cinema Rural desenvolverase na xornada do vindeiro 4 de agosto en Entrimo. Nela fusionarán o cinema, a literatura, a música e o humor. O programa comezará ás 11h. coa presentación do novo libro de Xosé Benito Reza “Terradentro”, unha apaixoante novela na que o autor da Terra de Celanova leva ao lector a unha vila de mediados do século XX a través de tres historias cheas de misterio.

A continuación (12h, e tamén na Casa do Concello da localidade, o actor, director e narrador oral Quico Cadaval será nomeado “Arraiano Maior” en recoñecemento á súa “traxectoria e compromiso ligado á cultura oral e o patrimonio inmaterial de ambos lados da Raia”. Recibirá a aguillada oficial de mans dos membros do colectivo Arraianos antes da celebración dunha Mesa Redonda (13h.) sobre a Identidade Cultural de Entrimo, con Xosé Lamela Bautista como protagonista que falará sobre “As lendas do Xurés”.

A partires das 18h., na Porta do Parque de Entrimo, terán lugar os II Encontros Arraianos de Cinema Rural, con proxección de curtametraxes de temática relacionada co rural e debates os filmes visionados. Ademais, estará presenta o investigador e músico Moisés Quintas que presentará o libro “Terra e alma” (editorial Canela) na inclue recreacións da música popular tradicional. Ás 20h. Quico Cadaval ofrecerá unha sesión de contacontos neste mesmo espazo.

As xornadas concluirán cunha proxección especial dun Campo da Feira da Terrachán en colaboración co Festival Filmes do Homem, un festival de cinema que se desenvolve dende o pasado 30 de xullo ao 5 de agosto no veciño Melgaço, coa estrea en España do filme Heranca (Heritage), de Flávio Cruz (Portugal, 2017). É un documental que retrata de forma xenuína e fiel, os procesos de socialización e trasmisión de valores culturais e sociais, en algunhas festas e romarías do Concello de Viana do Castelo, Portugal, nunha visión de protección do patrimonio cultural e inmaterial.

Estas xornadas serán organizadas por Arraianos Producións e o Concello de Entrimo, en colaboración co colectivo Arraianos e o Festival Filmes do Homem. Tamén contan coa colaboración da Asociación Galega de Tracción Animal e a Asociación Portuguesa de Tracción Animal.

 

Programa da xornada.

Artigos relacionados

Back to top button