ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga celebra un San Martiño moi especial con viño, castañas e actos no Camiño de Inverno

O tradicional magosto celebrábase coma sempre na praza Maior, baixo unha carpa

 

Dun xeito especial honraban este ano en Quiroga ao patrón da vila, o San Martiño, conxugando dous elementos de gran importancia para o municipio: o viño e o Camiño de Inverno a Santiago baixo o programa “San Martiño e viño no Camiño”, cun amplo programa de actividades musicais, deportivas e culturais na vila pero tamén en varios lugares estratéxicos do tramo do Camiño de Inverno que discorre polo municipio ao longo de varios días.

 

Procesión en Quiroga coa imaxe de San Martiño.

 

Como día do patrón, na xornada deste xove 11 de novembro foi cando se concentraron a maioría dos actos, comezando xa de boa mañá con alboradas da charanga Brisas do Sil en Montefurado, Bendilló, O Soldón e Os Novaes.

En torno ao mediodía, xa en Quiroga, tiña lugar a misa solemne e procesión na honra a San Martiño e dende as 13 horas, o programa centrouse na praza Maior con degustación e presentación de viños da Adega Atrium Vitis e a actuación da charanga Brisas do Sil. Xa pola tarde, houbo un espectáculo infantil e o prato forte da celebración: o tradicional magosto e viño novo na festa popular con Jorge Ferre Band.

 

Comendo castañas no magosto.

 

A celebración continuará de cara á fin de semana e para o sábado 13 de novembro ás 18 horas María do Ceo dará un concerto no Auditorio Municipal. E xa o domingo día 14, ás 10 da mañá sairá a andaina Camiño de Inverno dende a praza de España; e ás seis da tarde Redrum Teatro porá en escena a obra Invisibles. estando previsto o magosto e viño novo o 11 de novembro ás 19 horas na praza Maior.

 

Artigos relacionados

Back to top button