
Este ano Quiroga honrará dun xeito especial ao patrón da vila, o San Martiño (11 de novembro) conxugando dous elementos de gran importancia para o municipio: o viño e o Camiño de Inverno a Santiago baixo o programa “San Martiño e viño no Camiño”.
Varios son os factores que propiciaron esta edición especial do San Martiño. Por unha banda a importancia do viño como elemento esencial na paisaxe, na economía, nas costumes e tradicións. A historia e a literatura reflicten a súa importancia no pasado e no presente do Camiño de Inverno e concretamente no tramo que atravesa o Concello de Quiroga onde se colleita unha gran parte da uva para elaborar os caldos da D.O Ribeira Sacra.

Por outra banda, e por mor da pandemia o Concello de Quiroga non puido celebrar a Feira do Viño como era tradición. Dada a importancia deste produto a programación cultural municipal desenvolveu numerosos actos ao longo do ano para enxalzar este produto: primeiro , coincidindo coas datas de celebración da Feira do Viño na Semana Santa; logo no verán os días 24 e 25 de xullo, data na que se pretendía desenvolver a feira e agora a carón do día de San Martiño seguimos a promocionar e recoñecer este prezado tesouro para os quirogueses.
Así este ano o amplo programa de actividades musicais, deportivas e culturais que conformará o programa “San Martiño e viño no Camiño” desenvolverase na vila pero tamén en varios lugares estratéxicos do tramo do Camiño de Inverno que discorre polo municipio ao longo de varios días, estando previsto o magosto e viño novo o 11 de novembro ás 19 horas na praza Maior.