ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga estrea novo espazo de lecer: unha céntrica e nova praza na vila

 

Quiroga conta cun novo espazo de lecer, unha nova praza no corazón da vila. Tras o remate das obras, o alcalde quirogués, Julio Álvarez, “puxo a disposición de todos os veciños este novo espazo, un lugar dos que todos os quirogueses nos podemos sentir orgullosos”. Na súa intervención onte, tras descubrir a placa, o rexedor local quixo “agradecer o extraordinario traballo realizado por arquitectos, alumnos dos obradoiros, electricistas, operarios do servizo de augas, propietarios dos terreos e de todos aqueles que contribuíron co seu traballo a transformar un espazo cheo de ruínas nesta bonita praza”.

A nova praza, situada no entronque das rúas Real e Lago dispón duns 600 m2. Tras colocar un pavimento de formigón impreso,  acondicionáronse espazos con árbores, plantas, grava ornamental e unha fonte en cascada a dobre altura que discorre por un muro de pedra rústica adornada con plantas ornamentais.  A fonte ocupa a parte frontal da praza dende a rúa Real. A outra parte pechada que queda da praza acolle  un gran mural enmarcado dentro da ruta “Quiroga no ar” e que representa a unha peregrina do Camiño de Inverno, ruta Xacobea que pasa xusto por diante deste terreo.

 

 

 

O Concello de Quiroga comezaba a traballar nesta zona hai 13 anos, cando se quixo quitar un “tapón urbanístico” na unión da principal rúa da vila coa rúa Lago, ocupado por unhas edificacións en ruínas e un vertedoiro. Coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal clasificouse este terreo como solo dotacional e sería no ano 2020 cando o concello adquiriu o  terreo abandonado cunha edificación en ruínas. Contando cunha achega económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dentro do plan HURBE púxose en marcha coa intención de contribuír a humanizar e poñer en valor o centro da vila. Meses máis tarde, a este espazo uniuse outra parcela cunha edificación con expediente de ruína, rematando coa adquisición deste movo terreo.

Foi un longo traballo de máis de doce anos, no que foi preciso empregar máis de dous para poder quitar unha edificación con expediente de ruínas. “A negativa dos propietarios a facerse cargo da súa demolición ou deixar actuar ao concello, motivou a aplicación da normativa subsidiaria. Unha vez que se cumpriu con todos os trámites administrativos, incluída a publicación en boletíns oficiais, finalmente foi o xulgado o que autorizou que o concello puidese entrar nesta propiedade privada”, lembran dende o Concello de Quiroga. Despois de limpar o terreo comezaríase co acondicionamento desta praza que “destapa e da unha visión extraordinaria ao corazón da vila”, como recalcou Julio Álvarez.

Esta nova praza ten nome. Así se aprobou na sesión plenaria celebrada o 24 de febreiro. A praza levará o nome do rexedor Julio Álvarez Núñez, tras a petición veciñal que recollía preto de 700 firmas e que se aprobaba nesta sesión plenaria. Pero ese nome non se poñerá ata que Julio Álvarez deixe de ser alcalde, como decidiu o equipo de goberno o día da votación plenaria.

Artigos relacionados

Back to top button