O evento deportivo considerado máis importante da comarca de Quiroga, o Quiroga Trail Challenge, xa ten a súa particular homenaxe materializada nun espectacular mural. A Asociación Quiroga en Marcha, vén de realizar un novo mural nunha fachada no inicio da rua Real como recoñecemento a “Festa do trail galego”. O autor da obra é o artista madrileño Román Linacero, o protagonista un corredor do trail, símbolo do esforzo e o tesón preciso para participar nesta proba deportiva que cada ano move a máis de milleiro e medio de deportistas.
Con este mural, a Asociación Quiroga en Marcha quere render homenaxe aos fundadores do Quiroga Trail, aos que lle deron continuidade e aos centos de voluntarios que ano tras ano enchen Quiroga para axudar desinteresadamente á celebración desta festa deportiva, tal e como informa o Concello de Quiroga.
Para a realización desta nova obra, que xa forma parte da ruta de murais de Quiroga, a asociación contou con numerosos patrocinadores entre os que se atopan varias empresas locais e o Concello de Quiroga.
A ruta Quiroga no ar, conta cunha ducia de murais nos que están representados aqueles produtos ou facetas representativas de Quiroga. Así hai representación dos produtos da comarca: o viño, o mel e o aceite; está representado o río Sil e o seu lendario ouro; a emblemática romaría da Ermida; e agora tamén a dureza e a beleza dos nosos montes que ano tras ano recorren os participantes no Quiroga Trail Challenge.