ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga homenaxeará aos colleiteiros das distintas edicións da súa Feira do Viño

Este acto, previsto para o 2 de abril no Auditorio, enmárcase no programa "Lembranzas" organizado polo Concello

 

Ao longo de catro décadas son moitos os colleiteiros que teñen participado coas súas elaboracións na Feira do Viño de Quiroga. Eles serán tamén os protagonistas nun dos actos culturais do programa “Lembranzas”, promovido polo Concello no marco da 40 edición deste certame vitivinícola, cuxa parte festiva se pospón ata o verán pola situación sanitaria.

Así o Concello de Quiroga entregará a familiares de colleiteiros participantes en distintas edicións da Feira do Viño o vindeiro 2 de abril ás 12:30h. “uns pequenos agasallos en lembranza desas persoas que contribuíron a que este mostra fose medrando ata converterse no evento que na actualidade é”. Este acto farase no recinto da exposición “40 anos da Feira do Viño de Quiroga”, instalada no Auditorio Municipal.

Coa entrega dunha botella de viño do colleiteiro e un diploma “lembraremos a persoas que xa non están con nós pero que o seu traballo permanece . Con esta pequena homenaxe, que se vai centrar nos colleiteiros dos que o Concello conservaba algunha botella, queremos recoñecer e agradecer a eles e a todos e cada un dos que participaron ao longo dos corenta anos de historia da Feira do Viño o seu traballo e dedicación para a elaboración dos viños participantes na mostra”, aseguran dende o Concello de Quiroga.

Andaina e actuacións musicais, entre outras propostas do programa

Seguindo cos actos do Programa Lembranzas da Feira do Viño, tamén o venres terá lugar a Andaina “Xeoparque Montañas do Courel cun percorrido dende Leixazós ata Quiroga no que poden participar as persoas que o desexen de xeito gratuíto.

O sábado os actos comezarán ás 12:30 h coa actuación do grupo de gaitas “O Recanto” polas rúas da Vila. A partir das 14.30 h a TMQ emitirá un especial da Feira do Viño e a partir das 18:00 h a charanga BB+ animará as rúas da Vila.

Xa o domingo, día 3  está prevista unha alborada a cargo da Banda de Música Val Miñor, a entrega de premios aos gañadores do concurso de debuxo infantil “Feira do Viño” ás 13:00 h e de seguido concerto desta agrupación a partir das 13:30 h diante do Concello.

Finalmente, pola tarde, a partir das 18:00 h, espectáculo de animación de rúa “O estrano caso do dentista da rúa Brasov” a cargo de Troula Animación.

Artigos relacionados

Back to top button