CulturaCulturaÚltima hora

Quiroga recuperará a ponte de orixe medieval do Castelo cun Plan do Consorcio de Turismo

 

Contando cunha axuda de máis de 32.000€ (32.145 €) do Plan De Sostibilidade da Ribeira Sacra do Consorcio de Turismo, o Concello de Quiroga vai recuperar a ponte do Castelo. A ponte, situada no Camiño de Inverno (moi preto do Castelo dos Novais) sobre o río Castelo das Eiras, aínda que presenta un estado de conservación aceptable en canto á conformidade estrutural e morfolóxica -deteriorada polo paso do tempo-, perdeu a protección das beiras.

Polos vestixios aínda existentes sábese que esta ponte de orixe medieval, tiña un peto de protección nas beiras (de 75 cm de alto e 50 cm de espesor) para evitar caer o baleiro, realizado en cachotería a base de lousa. Este muro de protección é o que se recuperará respectando os vestixios existentes.

O pavimento tamén presenta deterioración polo que se reconstruirán 45 m2 de pavimento da ponte a base de canto rodado con morteiro en seco, respectando o existente. Rematarase a recuperación coa limpeza da pedra e a recuperación da contorna retirando vexetación invasiva do contorna da ponte e da propia obra.

A Ponte que forma parte do camiño de entrada a Galicia seguindo o curso do río Sil dende tempos inmemoriais, hoxe Camiño de Inverno a Compostela, foi realizada con fábrica de xisto. Consta dun van e arco central dun solo punto, cunha altura de 8 m. ancho de 3.75 m. e unha lonxitude de máis de 15 m.

Realizando actuacións de embelecemento como a recuperación desta ponte, catalogada como elemento protexido, téntase revalorizar os recursos turísticos existentes no municipio como instrumento de crecemento económico.

Artigos relacionados

Back to top button