O ritmo da natureza reactívase coa chegada da primavera. Sen embargo, e pese a que son multitude de cousas as que suceden á nosa beira, non nos decatamos, pasan desapercibidas. Un bo exemplo son as aves, tanto as migratorias como as que permanecen ao longo do ano en Valdeorras, que nestas datas preparan con mimo os seus niños de cara a chegada dos seus poliños, moito deles moi preto das casas.
Dende o Periódico O SIL decidimos achegarnos a este ciclo da vida e deternos nel tomando como referencia ao rabirrubio, un pequeno paxaro de cor parda escura ou negro e de característica cola vermella, que move de xeito especial cando se pousa en ramas ou tellados. O seu peteiro é apuntado e negro, a mesma cor que a das súas patas.

Seguimos cada un dos pasos dunha parella destes paxaros e dos seus poliños dende o niño (estas imaxes foron tomadas respectando en todo momento o decálogo ético da Asociación Española de Fotógrafos da Natureza, AEFONA) ás súas primeiras prácticas de voo. Isto recóllese en tres vídeos o primeiro dos cales presentamos agora. A historia comeza no niño, construído con herbas, ramiñas e outro tipo de material vexetal a finais de abril nunha vivenda de Valdeorras.
Estas aves poñen entre catro e seis ovos con coloracións que varían entre o branco e o azul claro. O período de incubación é de entre 12 a 16 días e, tanto o macho (plumaxe gris-negra na cabeza o lombo e a barriga branca) como a femia (de cor castaña agrisada coa cola castaña mate), encargánse de alimentalos entre 12 e 19 días máis despois de que os polos rompen a casca.

Lévanlle larvas e imagos de insectos e outros invertebrados, ao principio minúsculos, pero a medida que as crías van medrando ás veces sorprenden con insectos de gran tamaño. Tamén sorprende a cantidade de veces que o macho e a femia acuden ao niño con alimento, é unha sucesión case continua, momentos nos que ademais aproveitan para limpar o niño dos excrementos que de cada unha das crías, xusto no intre no que os expulsan. E todo isto con rapidez. Ademais din os expertos non é infrecuente que os coman.
Os pitos abandonan o niño aos 15 ou 16 días de eclosionar. Os adultos seguen cebándoos uns días máis nas proximidades da localización do niño.
Logo os poliños sairán a un mundo cheo de desafíos e de experiencias que afrontarán por primeira vez, iniciando un novo ciclo no que tamén eles acabarán convertíndose en pais.
Fotos: Carlos G. Hervella.
