Con moita emoción, entre aplausos e rodeado de veciños, pacientes, compañeiros, diversas autoridades e da súa familia, o oncológo Rafael López López recibía no mediodía deste sábado 15 de abril de mans do alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, a placa que o recoñece como Fillo Predilecto deste Concello. Este acto solemne tiña lugar tras unha breve sesión plenaria extraordinaria que o alcalde abría amosando a emoción colectiva dos vilamartineses, “ese é o sentir da xente, porque temos unha persoa tan relevante como é Rafael López”.
Logo o secretario daba lectura ao único punto da orde do día, o recoñecemento como Fillo Predilecto (o máis algo que concede o Concello) a este oncólogo, que era aprobado por unanimidade. A sesión era seguida dende o salón de plenos municipal, pero tamén dende a praza da Casa Consistorial por numerosas persoas, xa que se instalaba nela unha pantalla xigante para que puideran seguir o acto sen perder detalle.
A continuación, xa finalizado o pleno, comezaba o acto institucional da entrega do galardón, no que o rexedor vilamartinés referíase á “apabullante traxectoria” de Rafael López López e indicaba que este “é un acto sinxelo pero de gran trascendencia para agradecerlle a Rafael López, que naceu e medrou en Vilamartín, a súa xenerosidade, e tamén á súa dona e fillos, pola súa aportación ao mundo da medicina e a entrega ao seu traballo”. Enrique Álvarez comentaba que o doutor López “é unha persoa humilde e parca en palabras, pero cun sorriso amable que convida a confiar nel. Sempre foi moi valorado e querido no seu pobo e hoxe recoñecémosllo publicamente en Vilamartín, a onde vén sempre e pode e, malia á súa ocupada axenda, sempre está dispoñible cando se lle pide colaboración”.
Tras recibir a placa, o doutor López expresaba tamén emocionado o seu agradecemento “a todos os que fixéstedes posible este recoñecemento, este é un día de felicidade e só teño gratitude co meu pobo, Vilamartín, todo pagou a pena por un momento como este, que supón o reencontro coas miñas raíces, cos meus, coa terra onde nacín”. Tamén se amosaba agradecido á súa familia “que me ensinou a ter os pés na terra, aos meus avós que na miña moi feliz infancia estruturaron a miña persoa” e, de xeito especial, á súa dona Pilar, e aos seus tres fillos: Santiago, Cristina e Teresa.
Finalmente, Rafael López aludía a dous compromisos que o moven. En primeiro lugar, o de “aliviar o sufrimento que produce o cancro na nosa sociedade, usando para iso “todas as ferramenta que estean na miña man e a conciención social da importancia da investigación. Necesítase máis investimento público e privado nela. Temos que afrontar esta enfermidade como sempre afrontaron os fillos dos Gigurros a vida: de fronte”. Outro dos seus compromisos, continuaba, é o de promocionar Vilamartín e Valdeorras. Pedía “respecto para a nosa terra”.
Tras o acto tiña os asistentes compartían viños de Vilamartín e diversos petiscos na mesma praza do Concello. Entre eles estaban o presidente do Parlamento de Galicia, os conselleiros de Sanidade e do Mar, o vicepresidente da Deputación de Ourense, o secretario xeral da Fegamp, así como alcaldes da comarca, entre outras. Ás 14h. está previsto un xantar para conmemorar este recoñecemento no Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
O titular de Sanidade salientou o labor desempeñado polo doutor López durante todos estes anos, cualificando as súa contribución profesional como “decisiva no avance da medicina na nosa comunidade”. Neste senso puxo en valor o seu traballo como Xefe de Servizo de Oncoloxía no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, apuntado que baixo a súa coordinación, “este servizo converteuse nun dos mellores servizos de Oncoloxía de toda España”.
Así mesmo, subliñou o seu labor como responsable do grupo de investigación de oncoloxía médica traslacional (ONCOMET) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, un liderado que contribuíu a situar Galicia como referente da investigación contra o cancro, no máis alto nivel internacional.
Na mesma liña, Rosa Quintana salientou as achegas de Rafael López no eido da da docencia e da investigación clínica. Así, destacou as súas achegas como membro numerario da Real Academia de Medicina de Galicia; como vicepresidente da asociación española de investigación contra o Cancro; ou tamén como presidente da fundación ECO, para a Excelencia e Calidade da Oncoloxía.
Os dous conselleiros coincidiron en subliñar que o nomeadamento como fillo predilecto de Vilamartín de Valdeorras no só recoñece “a un excelente profesional e reputado oncólogo”, senón que tamén “a unha persoa afable, cercana e dunha enorme talla humana”. E resaltaron a capacidade do doutor Rafael López para “xerar coñecemento, aplicalo na mellora da calidade de vida dos pacientes e na mellora do Servizo Galego de Saúde, e tamén por transmitir e ensinar o seu saber ás novas xeracións de médicos”.