PolíticaÚltima horaVídeos

Ramón Porto encabezará a lista do BNG no Bolo, mentres que Suso Vilasánchez e Antón Rodríguez repetirán como candidatos no Barco e en Vilamartín

A formación nacionalista presentará catro listas en Valdeorras nos comicios do 28M, a cuarta será a de María Albert na Rúa

 

Catro serán as candidaturas ás eleccións municipais que o BNG presentará en Valdeorras ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Ademais da lista ruesa, que encabezará a deputada galega María G. Albert, o BNG tamén concorrerá aos comicios por primeira vez no Bolo, cunha candidatura encabezada por Ramón Porto, natural de Valdanta, e repetirá candidatos á alcaldía no Barco, da man de Suso Vilasánchez, e en Vilamartín con Antón Rodríguez.

Estes tres candidatos presentábanse nesta tarde nun acto na sede da formación política no Barco. Nelestaban acompañados por María G. Albert, quen destacaba a ilusión coa que xurden e se presentan estas listas, facendo especial fincapé na do Bolo, que “está avalada polo traballo das persoas que forman parte dela. O Bolo é un dos concellos máis pequenos de Valdeorras e tamén un dos que se presentarán máis candidaturas, o que reflicte moi ben os aires de cambio e de mudanza da comarca”.

Albert tamén resaltaba que o BNG nestes comicios “non se pon límites, imos ser a forza política que máis suba no 28M, imos ter uns resultados históricos en Valdeorras”. Así mesmo indicaba que o BNG “fai unha política municipal de vangarda e aqueles concellos onde goberna son un exemplo” con iniciativas que apostan “polos servizos sociais, polo benestar social, polo urbanismo sustentable e por uns concellos abertos ao conxunto da cidadanía”.

 

 

O primeiro dos candidatos en tomar a palabra era o número 1 da candidatura do Bolo, Ramón Porto, traballador do sector da lousa e presidente do comité de empresa pola CIG en Irosa, quen comezaba expresando o “compromiso e respaldo do meu partido neste primeiro acto da miña candidatura, que encabezo con moito orgullo. Podo parecer unha cara nova, pero o certo é que non o son, moita xente do Bolo me coñece, eu son do rural e gústame moitísimo. Para min será un gran orgullo representar á xente do Bolo, que é firme, traballadora e con vontade”.

Así mesmo, adiantaba que vai estar “atento ás inquedanzas do pobo e as súas necesidades” e aseguraba que “o goberno municipal do Bolo o que fixo foi apuntar a decadencia e o abandono que hoxe temos”. Porto aposta por mudar as cousas “coa nosa forma de facer poítica”.

 

 

Suso Vilasánchez: “A maioría absoluta de Alfredo García non está garantida”

Á fronte da candidatura do BNG no Barco estará novamente o actual concelleiro Suso Vilasánchez, enfermeiro nun PAC rural. Na súa intervención falaba da estratexia para os vindeiros comicios neste municipio. “O noso é unha ganancia estratéxica”, matizaba, “para que Alfredo García (actual alcalde socialista) deixe de ter maioría absoluta só ten que perder dous concelleiros, iso suporá que vai ter que mirar aos lados e negociar, e aí nos vai a ter a nós e o noso programa vai ter que ser oído. A súa maioría absoluta non está garantida, nin moito menos”.

Neste senso insistía na importancia de que os barquenses vaian votar “e que pensen que, dependendo do que voten, haberá maioría ou non, e se non a hai, entón haberá que negociar”.

 

Antón Rodríguez, candidato á alcaldía do BNG en Vilamartín./ Cedida.

 

Neste acto tamén estaba prevista a presentación de Antón Rodríguez como candidato nacionalista á alcaldía de Vilamartín, porén unha emerxencia familiar impediulle poder acudir á presentación.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button