A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de facer público a elección dos Premios de Investigación 2020 nas categorías sénior e mozos que recaeron en científicos do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela e do CITIC da Universidade da Coruña.
Entre os galardoados está o xove investigador do CITIC Raúl Santoveña, natural de Manzaneda, distinguido co premio para investigadores mozos (dotado con 2.000 euros), no que se recoñece o traballo de científicos menores de 30 anos. O xurado elixiu o proxecto no que Santoveña contou coa colaboración do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC). Este investigador “participou de xeito determinante no descubrimento dun tipo de estrelas descoñecidas ata agora: as estrelas ricas en fósforo”, tal e como sinala a RAGC.
O seu traballo, publicado o mes pasado na prestixiosa revista Nature Communications, baséase “no descubrimento dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo, o que podería desvelar a orixe deste elemento fundamental para a vida na Terra, dado que a práctica totalidade dos elementos químicos do universo se producen no interior das estrelas. O fósforo, xunto co carbono, o nitróxeno, o osíxeno e o azufre, é fundamental para o desenvolvemento dos seres vivos: forma parte das moléculas do ADN e do ARN e é imprescindible para o intercambio enerxético nas células e o desenvolvemento das súas membranas”, segundo informa a Real Academia Galega de Ciencias.
Ata o de agora a orixe da presenza de fósforo e da súa cantidade na galaxia era un misterio, sen embargo a alianza entre os astrónomos do IAC e o equipo do CITIC liderado por Santoveña abriu unha fiestra para desentrañalo. “Segundo os resultados obtidos, o máis probable é que o fósforo proveña da contaminación ocorrida na nube protoestelar na que se formaron estas estrelas”, segundo a información achegada pola Real Academia Galega de Ciencias.
O estudo galardoado caracteriza as propiedades físicas e químicas deste tipo de estrelas decoñecidas ata agora. Tanto o seu descubrimento como a súa caracterización precisaron do uso de minería de datos sobre centos de miles de observacións no espazo. Para iso foi determinante o desenvolvemento por parte do CITIC dun axente informático (baseado en tecnoloxías big data) capaz de recoñecer os trazos propios das liñas espectrais do fósforo que permitiron identificar estas particulares estrelas.
A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC. O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros, céntrase no descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. O equipo galardoado está liderado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e conta coa participación de grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá.
Ademais a RAGC distinguiu tamén con mencións honoríficas a investigadores da Universidade de Vigo e da USC. Os premios serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo novena edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez.