
A Delegación do Goberno en Galicia vén de informar este martes da apertura de dous novos pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal. Así esta mañá restableceuse a circulación en dous pasos situados nos concellos ourensáns de Lobios (paso fronteirizo da Madalena-Ponte da Barca) e A Mezquita (paso fronteirizo de Manzalvos-Moimenta). En ambos puntos a circulación estará permitida de luns a venres en horario de 07:00 a 10:00 e de 18:00 a 21:00.
“España e Portugal acordaron de maneira coordinada prorrogar os controis restablecidos temporalmente na fronteira interior terrestre entre ambos os países a partir desta madrugada, unha medida que ten como obxectivo facer fronte á situación de crise sanitaria ocasionada polo Covid-19. A prórroga destes controis establécese nunha orde asinada polo ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska, publicada o venres, 26 de febreiro, no Boletín Oficial do Estado. O texto sinala que esta medida manterase ata as 01:00 horas do 16 de marzo”, tal e como indica a Delegación do Goberno en Galicia.
Así mesmo, establécese que “as entradas e saídas do territorio español só poderán realizarse polos pasos autorizados e durante os horarios que se establezan”. Os pasos fronteirizos autorizados en Galicia, establecidos de común acordo coas autoridades portuguesas, son os seguintes:
Pasos abertos as 24 horas do día, todos os días da semana:
Tui-Valença
Verín-Vila Verde dá Raia
Pasos abertos de luns a venres de 07:00 a 10:00 e de 18:00 a 21:00 (hora española):
Salvaterra do Miño- Monçao
Arbo- Melgaço
Baltar- Montealegre
A Madalena-Ponte da Barca
Manzalvos-Moimenta
A orde engade que só se permitirá a entrada a territorio español ás persoas que se atopen nalgún dos supostos recolleitos no punto 2 do artigo único, entre os que se atopan os traballadores transfronteirizos, traballadores sanitarios e do transporte.