En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Reactívase a Plataforma en defensa da A-76

A súa comisión de seguemento, que vén de reunirse no Barco, pide que se cumpran os prazos e que se empece a obra o antes posible

O Centro de Formación da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) no Barco acollía na mañá do 26 de xullo unha reunión da comisión de seguemento da Plataforma da Autovía A-76, da que forman parte os empresarios valdeorreses, bercianos e de Lemos así como os alcaldes do Barco, Monforte e Ponferrada.

Despois dunha xuntanza de hora e media, o alcalde do Barco, Alfredo García, actuaba de voceiro e daba conta dos acordos tomados e nos que se incide en demandar que se cumpran os prazos en cada un dos catro tramos en marcha e que se inicien canto antes as obras. “O máis avanzado é o do Barco-A Veiga de Cascallá, cuxo proxecto de trazado aprobouse recentemente e pedimos que antes de fin de ano se remate o proxecto construtivo para que na primavera do 2019 saia a concurso a licitación da obra. O outro tramo tamén avanzado é o de Vilamartín de la Abadía-Requejo, cuxo trazado estivo exposto ao público recentemente e agora está en fase de contestación de alegacións e pedimos que neste ano se remate o proxecto e se aprobe para que ao longo do 2019 se aprobe o proxecto de obra e se licite”.

Con respecto aos outros dous tramos (Requejo-A Veiga de Cascallá e Monforte) que están aínda en redacción de proxecto de trazado, os membros da comisión solicitaban que se cumpran os prazos. Ademais o alcalde do Barco manterá un encontro co delegado do Goberno en Galicia e, xunto ao alcalde de Monforte, reunirase en breve co secretario de Estado de Infraestruturas. Os asistentes, entre os que non estaba a alcaldesa de Ponferrada, acordaban tamén manter unha reunión da comisión cada seis meses para comentar a marcha dos proxectos.

Raia continua na N-120

O último dos acordos tomados era o de manifestar “o noso máis absoluto rexeitamento ao que Fomento someteu a estas comarcas hai case dous anos nas súas viaxes a Ourense ao pintar raia continua dende o Alto da Guítara ata Ourense na estrada N-120. É inadmisible que teñamos que ir 30 km sen poder adiantar a un coche que pillamos polo camiño. Sabemos que se están facendo cousas para solventar este problema, pero cremos que esta é unha actuación que hai facer con carácter inminente porque é absolutamente indefendible o illamento e os problemas que nos está xerando nas nosas viaxes a Ourense”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button