CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Recepción no Concello do alumnado italiano que participa nun intercambio co IES Lauro Olmo do Barco

Enmárcase dentro do programa Erasmus+ no que participa o instituto barquense

Recepción dos alumnos italianos no Concello./ Foto cedida.

 

O IES Lauro Olmo do Barco inicia este curso a súa participación no programa Erasmus+, nos sectores de ESO, Bacharelato e ciclos básico e medio de FP.

No que respecta a Educación Secundaria (4º ESO), nesta  semana o instituto recibe a visita dun grupo italiano nun intercambio con acollemento en familias. Trátase de 10 alumnos e 3 profesores dun centro educativo da cidade de Potenza (rexión de Basilicata) que na mañá deste mércores 23 de novembro eran recibidos no Concello do Barco de Valdeorras por parte do alcalde, Alfredo García e da concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta. O alumnado barquense devolverá a visita uns meses despois.

No programa Erasmus+ as actividades nas que se pode participar son variadas, como mobilidades en grupo ou individuais en institutos para alumnado de secundaria e bacharelato, de formación en centros de traballo para o alumnado de FP, ou de aprendizaxe noutras escolas ou organizacións para o profesorado”.

O equipo Erasmus do IES Lauro Olmo leva as xestións coa idea de “comezar con poucas mobilidades para despois poder ir ofrecendo máis, unha das vantaxes do programa nestes niveis educativos de secundaria e FP de grao medio é que os gastos están cubertos cunha beca o suficientemente ampla, o que permite que sexa máis accesible para máis persoas”, explican dende o Instituto, destacando que así mesmo “acollemos alumnado e profesorado doutros países, o que supón unha experiencia igualmente enriquecedora”.

Artigos relacionados

Back to top button