
“SPION and doxorubicin-loaded polymeric nanocarriers for glioblastoma theranostics” é o título do artigo polo que a investigadora trivesa María Blanco, catedrática na Universidade de Navarra e presidenta da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica, vén de recibir o premio ao artigo máis destacado de 2021 da revista “Drug Delivery and Translational Research”, tal e como vén de informar a Asociación de Médicos Galegos (Asomega), que preside outro trivés, o neumólogo Julio Ancochea.
O artigo galardoado de Blanco, que é ademais vicepresidenta da Federación Europea de Ciencia Farmacéutica forma parte da tese doutoral da doutora Edurne Luque, dirixida pola investigadora trivesa.
A editora en xefe da publicación é a tamén galega María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC que o ano pasado recibiu o Premio Nacional Juan de la Cierva. Ademais, foi merecedora do XVI Premio Novoa Santos de Asomega. A propia Alonso explica neste vídeo os obxectivos da revista “Drug, Delivery and Translational Research”.

Conferencia sobre nanomedicina no Encontro Mundial de Médicos Galegos
María Blanco participou no II Encontro Mundial de Médicos Galegos que organizou Asomega a principios de maio. Na súa intervención, que versou sobre “Nanomedicina en cancro pediátrico”, explicou que con esta forma de dispensación búscase, por unha banda, diminuír a toxicidade dirixindo o tratamento cara ao tumor e evitando as células sas e, por outro, asegurar unha liberación sostida que permite “administrar unha soa dose de nanopartículas e que o fármaco se vaia liberando durante un tempo prolongado”.
A continuación expuxo a investigación realizada polo seu equipo en relación ao osteosarcoma en pacientes pediátricos, que adoita ter “un diagnóstico tardío e cando se detecta o 80% dos pacientes teñen xa micrometástasis en pulmón”. Utilizouse un fármaco, edelfosina, cuxo mecanismo de acción é distinto dos antitumorais comúns.
“O que vimos foi que nas células procedentes do tumor primario funciona peor que nas metastásicas”, afirmou, aínda que ao administrar o fármaco en forma de nanopartículas melloraba a eficacia nas células primarias. Segundo Blanco, “as nanopartículas foron efectivas diminuíndo o tamaño do tumor primario e inhibiron a diseminación das células de osteosarcoma do tumor primario ao pulmón”.