OurenseÚltima hora

Recreación dun prensado nun dos lagares rupestres de Oímbra

Esta singular iniciativa desenvolverase o vindeiro domingo, 7 de outubro, no Lagar de Xan Preto
Lagar de Xan Preto, en Oímbra./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Poñer en valor o viño e as antigas estruturas patrimoniais ligadas a el. Este é o obxectivo dunha singular iniciativa que terá lugar o vindeiro domingo 7 de outubro ás 11h. Trátase dunha recreación dun pisado de uvas e prensado no lagar rupestre de Xan Preto para demostrar que a antigüidade e tradición da vitivinicultura neste municipio. Ademais farase unha recollida do mosto e o seu transporte á Adega/Lagar das Barrocas. A xornada rematará cuns petiscos neste mesmo lugar.

A presentación desta iniciativa (organizada polo Concello de Oímbra en colaboración con Sustinea) tiña lugar na mañá do 5 de outubro no Pazo Provincial e contaba coa presenza da alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino; e a técnica e educadora ambiental de Sustinea, Susana Rodríguez; e do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

A alcaldesa de Oímbra lembrou que o municipio é “hortofroitícola e vitivinícola por excelencia, que está amparado pola IXP e pola Denominación de Orixe Monterrei”. Así mesmo, Ana Villarino dixo que con esta iniciativa queremos “poñer en valor o noso pasado co noso presente, para seguir a construír o noso futuro, a través do binomio patrimonio e viticultura”.

“Encontrar todo estes lagares, que xa estamos entorno aos 20, indica que moitos séculos atrás, Oímbra tiña unha gran tradición vitivinícola. Son lagares que como nos din os expertos datan do século II, son lagares romanos, e están nas ladeiras, o que nos fai saber que daquela as viñas estaban no monte, e co paso dos anos viñeron ao pobo porque agora o viño faise nas adegas”, engadía a rexedora.

 

Acto de presentación desta iniciativa.

 

A actividade, na que haberá uvas brancas de variedades que hai na comarca de Monterrei, será “unha experiencia lúdico e festiva para á xente da comarca que nos vai a retrotraer ás nosas orixes”, preseguía Ana Villarino, quen lembrou que a través da colaboración coa Deputación de Ourense, “estamos a traballar nun proxecto pioneiro que é o da realidade aumentada onde as uvas que saian nas botellas do ano que vén, nesas oito bodegas comerciais que existen agora no noso concello, levarán unha pegatina que a través dunha aplicación se fará realidade aumentada neste lagar e nesa bodega comercial”.

Susana Rodríguez explicou que esta iniciativa enmárcase nos obxectivos da asociación de “traballar pola conservación da natureza e pola posta en valor da etnografía”, cunha actividade que consiste en “recrear cómo era o prensado tradicional: levaremos ás uvas, retiraremos o mosto e levarémolo á adega das Barrocas, todo elo empregando obxectos típicos daquela época dentro das posibilidades que o mundo moderno nos permite e respectando a tradición”, engadiu a técnica e educadora ambiental de Sustinea.

Máis información: info@sustinea.org

Artigos relacionados

Back to top button