OurenseÚltima hora

Relatores de 22 países asisten en Ourense ao Congreso Internacional de Turismo Termal

O acto inaugural celebrábase no Teatro Principal coa asistencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda

 

“Galicia aspira a aproveitar o seu papel como referente termal europeo para liderar a aposta polo turismo sostible”, subliñaba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa intervención no acto de apertura do Congreso Internacional de Turismo Termal que se celebra en Ourense –coa presenza de 250 participantes e relatores de 22 países—, onde recalcou que o termalismo encaixa á perfección no modelo turístico non masificado, que é tendencia no presente e o será aínda máis no futuro. “Tras a pandemia os turistas buscan calidade, natureza e experiencias únicas. Nós temos a resposta: termalismo e Galicia”, sinalou Rueda.

O titular do Goberno galego salientou que Galicia dispón do recurso, o elemento máis importante, pero afirmou que é preciso unha aposta estratéxica a todos os niveis para que o termalismo sexa un motor sustentable que xere benestar social e económico.

Así, puxo en valor as actuacións da Xunta no plano legal, coa aprobación da primeira Lei en España para protexer a salubridade das augas; na investigación, co impulso á Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago –que forma parte da organización do Congreso—; no apoio ao tecido produtivo, a través de axudas á creación de emprego e proxectos presentados aos fondos Next Generation, e no capítulo de incentivos, con programas de estancias en balnearios, especialmente fóra da tempada alta.

 

O presidente da Xunta, Alforso Rueda, durante a súa intervención.

 

Na cerimonia de apertura do Congreso, organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA), ao que tamén asistía entre outros o presidente da Deputación Manuel Baltar, Rueda fixo fincapé no carácter diferencial do termalismo para Galicia, unha comunidade que xa conta con grandes recursos hídricos. “A auga fai rica a Galicia e o termalismo faina rica e única”, asegurou, ao tempo que subliñou que a Comunidade é o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais –grazas a baluartes como Ourense-, que representa case o 20% da oferta termal de España e que conta cun sector de calidade, como evidencian os 21 balnearios e o liderado nos distintivos Q de calidade turística.

Ave e Xacobeo

Rueda, así mesmo, sinalou que o termalismo multiplica a súa forza cando se une a outros atractivos igualmente naturais. É o caso da Ribeira Sacra, cuxos viñedos e os canóns sitúana como candidata a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO; ou os Camiños de Santiago, que xa gozan dese recoñecemento. Ambos están máis preto ca nunca –engadiu o presidente— grazas á chegada a Ourense da Alta Velocidade, un eixo que conecta a cidade con Madrid en pouco máis de dúas horas. “O turismo termal pode e debe subirse ao tren da Alta Velocidade”, concluíu.

 

O acto inaugural tiña lugar no Teatro Principal de Ourense.

 

No mesmo senso, o titular destacou os fitos conseguidos polo Xacobeo: o récord tanto no número de peregrinos que selaron a súa credencial en Santiago, como nos niveis de demanda do sector. A falta de tres meses, concluíu, aínda se pode pechar mellor un Xacobeo para a historia, do mesmo xeito que os Anos Santos de 2027 e 2032, dentro da década xacobea, poden levar aínda máis lonxe o potencial do turismo. “O termalismo percorreu moito pero aínda lle queda moito por percorrer”, sentenciou.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, aposta por “repensar” o modelo termal da cidade para que Ourense sexa capaz de sacar rendemento ao potencial que lle confire a súa riqueza de augas termais. O rexedor confía en apoiar este desenvolvemento na execución de novos proxectos como o parque acuático termal indoor, que promoverá o Concello na marxe dereita do río Miño, e do hotel balneario que promove a Deputación Provincial de Ourense no actual Pazo Provincial. Así o manifestou o rexedor na súa intervención nos discursos de apertura do Congreso de Termalismo Termal, que tivo lugar no Teatro Principal.

 

Artigos relacionados

Back to top button