CartelleConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Remata o trámite medioambiental do plan básico municipal de San Xoán de Río

Deste xeito, o documento pode seguir avanzando cara á súa aprobación definitiva

Oficina municipais do Concello de San Xoán de Río./ Foto cedida.

 

Dende a Xunta de Galicia veñen de emitirse os informes ambientais estratéxicos correspondentes aos plans básicos municipais (PBM) dos concellos ourensáns de San Xoán de Río, Porqueira, Cartelle, e Padrenda, así como o do lucense de Trabada. Deste xeito, dáse por concluída a tramitación desde o punto de vista medioambiental e pode seguir avanzándose cara á súa aprobación definitiva.

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo enviou a documentación relativa aos PBM destes cinco municipios o pasado 9 de xullo, momento no que se deu por iniciado o trámite ambiental, segundo informa a Xunta.

Tras sometelos ao trámite de consultas previas (que finalizou o 25 de setembro), e tendo en conta os informes recibidos e a análise da documentación presentada, “a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC) considera que non provocan efectos ambientais significativos, xa que concretan ordenanzas, non proxectan novos desenvolvementos residenciais nin industriais, e tampouco recollen novas infraestruturas”, tal e como indica a administración autonómica.

Por este motivo, o departamento autonómico conclúe que estes plans básicos municipais non van producir efectos ambientais significativos, polo que non se someten ao procedemento ordinario. De feito, a DXCASCC acaba de emitir os informes ambientais estratéxicos correspondentes, finalizando con eles o trámite ambiental.

As indicacións recollidas nestes informes serán tidas en conta polo equipo redactor para preparar os documentos que se someterán a Aprobación Inicial (AI), un trámite que previsiblemente se producirá a principios do vindeiro ano.

O Plan Básico Municipal

O Plan Básico Municipal é unha ferramenta impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral, co obxectivo de dotalos dun instrumento urbanístico básico que lles permita ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Neste sentido, os plans básicos municipais pretenden dotar a estes concellos dunha ordenación básica, que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

Artigos relacionados

Back to top button