OurenseÚltima hora

Rematan as obras de prolongación da senda do río Badella en Bande

O investimento supera os 278.000 euros, aportados nun 80% pola C.H. Miño-Sil e nun 20% pola Deputación de Ourense, mentres que o Concello puxo a disposición os terreos necesarios

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS); Luis Menor, presidente da Deputación Provincial de Ourense; e Sandra Quintas, alcaldesa de Bande, visitaban esta mañá as obras de prolongación da senda do río Badella ao seu paso polo municipio ourensán de Bande, executadas por Organismo de conca e xa finalizadas.

O investimento final supera os 278.000 euros, sufragados nun 80% pola CHMS e o 20% restante pola Deputación de Ourense, pola súa banda, a Administración Local foi a encargada de poñer ao dispor os terreos necesarios para a execución.

O proxecto

As obras consisten na prolongación da senda fluvial, nunha lonxitude aproximada de 800 metros, así como na limpeza do río e tratamento silvícola da vexetación de ribeira, ao longo da marxe do río Badella. Este novo tramo de carreiro, que poderá ser compartido por peóns e ciclistas, discorre desde a pista forestal próxima á estrada OU-540 ata as proximidades do pavillón de Deportes, nunha zona moi próxima ao núcleo urbano onde existe un pontón para cruzar o río.

Executouse o movemento de terras necesario para a implantación das sendas peonís, consistentes na retirada de capa vexetal, explanación, caixeado para a colocación das capas de pavimento e compactación da rasante e caixeáronse máis de 50 cm de terreo baixo o pavimento da senda para a colocación de “cachote” ou pedra en rama, que dota de consistencia ao terreo e facilita a drenaxe transversal da ribeira. O firme do camiño compactouse con material terrizo dotado de conglomerante hidráulico sobre saburra artificial e geotextil, todo iso confinado por bordos de formigón de 20x10cm.

Ao longo do tramo, nun punto de forte desnivel, foi necesaria a execución de peldañeados en terra con rollizos partidos de madeira e recheo e en zonas con carencia de vexetación natural na zona de servidume do río, reforestouse con especies autóctonas como amieiros, bidueiros, carballos, freixos, salgueiros e loureiros.

Como complemento ás actuacións descritas, procedeuse á reposición de case 300 m3 de muros tradicionais, de pedra seca, reconstruídos en paralelo á senda, coas pedras procedentes do desmonte inicial dos mesmos, mantendo a tipoloxía existente, sen acareado nin incorporación de morteiros nin materiais novos.

 

 

Cooperación entre administracións

“Cada Administración, no marco das súas competencias, ten o deber de valorizar, de potenciar e de conservar a riqueza ambiental presente no territorio, así como de fomentar un desenvolvemento máis sostible”, explicou Quiroga. “A colaboración institucional é clave para executar proxectos de futuro, por iso, desde a CHMS sempre estamos dispostos a cooperar cos concellos da demarcación que soliciten actuacións ambientais que posibiliten o uso e goce do noso valioso patrimonio fluvial pola cidadanía”, concluíu o presidente do organismo de conca.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense recalcou que “a cooperación entre administracións é o camiño principal para que a provincia de Ourense medre e avance, como ben podemos ver neste novo paseo do Badella. Esta é a vía que nos piden os veciños”. E asegurou que a obra “ten valores medioambientais e de mobilidade sostible e conforman unha realidade en materia de equipamento e servizo que dota de valor ao casco urbano, coa recuperación dunha zona natural non utilizada. A obra está feita con moito gusto e sensibilidade e respecto cara o lugar onde se atopa”. De feito, sinalou que “na Deputación teremos sempre a man tendida para colaborar a prol de todo canto supoña que os municipios de Ourense melloren e valoricen o seu potencial”. Por último, Menor felicitou á alcaldesa de Bande por acadar “unha obra que os seus veciños merecen e sen dúbida van a desfrutar”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, sinalou que “hoxe é un día moi feliz para todos os veciños, pois esta senda era algo moi demandado e supuña a ampliación da primeira fase, así como para poñer en valor o entorno natural do río Badella dun xeito máis sostible e saudable”, agradecendo á Confederación Hidrográfica e á Deputación pola súa colaboración para lograr esta obra “da que todos en Bande nos sentimos moi orgullosos”.

Artigos relacionados

Back to top button