ConcellosÚltima hora

Reordénase o acceso ao IES de Viana do Bolo

A delegada provincial da Xunta xunto ao alcalde vianés visitaban esta obra, consistente en habilitar un carril adicional para a parada de autobuses escolares na parte frontal do instituto
Visita da delegada da Xunta xunto ao alcalde de Viana do Bolo, a zona da actuación.

Dende mediados de agosto están en marcha as obras de mellora do acceso ao IES Carlos Casares de Viana do Bolo. O proxecto consiste en habilitar un carril adicional para a parada de autobuses escolares na parte frontal do instituto, na marxe dereita da estrada OU-533, entre o Pq. 20+700 e o 20+800, entre a beiravía da estrada e o cerramento do centro, segundo se informa dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Na mañá do 30 de agosto a delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitaba estas obras xunto ao alcalde de Viana do Bolo, Severino Fernández, e ao tenente de alcalde. Esta actuación, adxudicada a Explotaciones Medioambientales, S.L.U., ten un prazo de execución de 2 meses e suporá un investimento de 46.655,79 euros.

Os traballos centraranse na demolición da beirarrúa existente e os servizos de iluminación que hai nela. No seu lugar, aproveitando o espazo axardinado actual, construírase un novo carril de circulación separado da estrada e destinado aos autobuses. Executarase unha beirarrúa nova, ao carón do peche do instituto coa iluminación correspondente.

Para a execución do carril “con rapidez e seguridade, será preciso cortar un carril da estrada e non será posible acceder ao instituto pola porta existente nese punto da estrada, polo que se acordou executar a obra ao longo do mes de agosto para non interferir no funcionamento do centro”, adiantan dende a consellería.

Artigos relacionados

Back to top button