OurenseÚltima hora

Rescatada polos equipos de emerxencia unha muller que caía nunha tumba aberta no cemiterio de Castrelo de Miño

 

Esta mañá os membros do GES de Ribadavia rescataban a unha muller que caeu nunha tumba aberta, duns cinco metros de profundidade, no cemiterio da localidade de Santa María, no concello ourensán de Castrelo de Miño, segundo informa o 112 Galicia. A afectada estaba consciente e orientada e foi necesario empregar unha padiola durante a súa evacuación.

A chamada de alerta foi recibida pola central do 112 Galicia ao fío das 11:30 horas da mañá de hoxe. Era unha persoa particular quen deu o aviso sobre a caída. “No seu relato, indicaba que era necesaria a intervención de equipos de emerxencias que puidesen achegarse ata a ferida, que estaba consciente”, sinala o 112 Galicia.

De inmediato, os xestores do 112 solicitaron a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Carballiño e dos efectivos do GES de Ribadavia. Unha vez no lugar, os equipos de intervención fixeron uso dunha padiola e lograron rescatar á muller, que puido recibir atención médica por parte do persoal sanitario.

O operativo foi completado polos axentes da Garda Civil e desde o 112 avisouse, igualmente, aos membros de Protección Civil da localidade, por se fose necesaria a súa colaboración.

Artigos relacionados

Back to top button