Na madrugada deste xoves 17 de abril, o Grupo de Montaña da Garda Civil con sede na Pobra de Trives rescataba a unha muller de 81 anos que permanecía desaparecida nunha zona de difícil acceso, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, tal como informan dende o 112 Galicia.

A alerta chegaba ao centro de emerxencias ao redor das 23 horas de onte, cando “unha veciña contactou co 112 ao botar en falta á muller, residente na parroquia de Sabadelle, desde había varias horas”. Segundo indicou, “tratábase dunha persoa maior con mobilidade reducida, polo que temía pola súa integridade”.

Así, o 112 Galicia activaba un operativo de busca no que participaron os axentes da Garda Civil, membros do GES do Pereiro de Aguiar e efectivos de Protección Civil da localidade. “As tarefas de procura prolongáronse durante varias horas ata que, xa de madrugada, os equipos de rescate deron coa muller nunha zona con abundantes rochas e de acceso complicado”, indican.

Tal como aseguran dende a Garda Civil, a muller era localizada ás 03:46 horas en Tibias e unha vez liberada, era atendida no lugar polo persoal sanitario do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para a súa valoración médica.
Imaxes: Garda Civil.



