A RúaConcellosÚltima hora

Retírase do listado de casos de Covid o positivo asociado á residencia Os Pinos da Rúa

"Non era un contaxio asociado á residencia", segundo indica a Administración galega

Residencia Os Pinos da Rúa, que xestiona a Fundación Valdegodos./ Foto cedida.

 

Dende a administración galega notificábase o 23 de setembro, a través dos listados que se emiten diariamente de casos activos de Covid en centros de maioes, o positivo dun usuario da residencia da terceira idade Os Pinos da Rúa. Horas despois, dende a Fundación Valdegodos, que xestiona a citada residencia, emitíase un comunicado asegurando que nese centro de maiores “non houbo ningún caso positivo por Covid”.

Ademais a fundación explicaba que “a información débese a un erro nas listaxes que emiten os organismos oficiais. O caso a que se refire a información corresponde a unha infección ocorrida fóra do centro. Trátase dunha persoa que ía ingresar na residencia e que estaba infectada, debido a un brote familiar na súa localidade de orixe. Os protocolos da Fundación, e sobre todo o traballo e a profesionalidade do persoal, permitiron detectar o caso positivo e evitar que pasase a convivir co resto dos residentes, co consecuente perigo”.

Tamén se indicaba no comunicado que a Fundación Valdegodos estableceu contacto “coas autoridades competentes para que enmenden o erro e retiren das listaxes o caso atribuído ao centro de Os Pinos e que, en realidade, corresponde a un brote familiar”.

Neste sábado 26 de setembro, retirábase do listado oficial de casos o positivo do usuario asociado á residencia de maiores Os Pinos da Rúa “porque non era un contaxio asociado á residencia”, segundo a Xunta.

 

Artigos relacionados

Back to top button