ConcellosÚltima hora

Reunión do alcalde de Sober co conselleiro de Política Social

Abordaban, entre outras cuestións, a ampliación do número de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, recibindo ao alcalde de Sober no seu despacho.

O rexedor de Sober, Luis Fernández Guitián, vén de manter unha xuntanza en San Caetano co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, na mañá do 10 de xaneiro. Nela trataban asuntos de índole social que afectan a esta localidade lucense, entre outros a ampliación do número de beneficiarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Neste sentido, o responsable da área social do Goberno galego comentaba o incremento de 240 horas ao mes na prestación de SAF Dependencia para sumar un total de 19.104 horas anuais de servizo e acadar así unha cobertura de atención a persoas con autonomía limitada superior ao 94% neste municipio. “O obxectivo é conseguir todas as melloras posibles na calidade de vida das familias e das persoas dependentes, para o que continuamos a incorporar de maneira progresiva a máis persoas aos diferentes servizos que integran o sistema autonómico de atención”, apuntaba Rey Varela.

O rexedor de Sober, conversando co conselleiro de Política Social, durante a reunión en Santiago.

Como nos anteriores encontros que Rey Varela vén mantendo dende outubro de 2015 cos alcaldes de Galicia, na reunión co rexedor de Sober tamén incidía en que o obxectivo “pasa por ir coordinando unha estratexia a nivel autonómico e local que supoña unha mellor optimización e dinamización dos recursos dos que dispoñen as administracións coa finalidade de acadar todas as melloras posibles na calidade de vida dos galegos e galegas. Deste xeito, a Xunta de Galicia e as entidades locais adquirimos o compromiso de unir esforzos a prol dunha política social axeitada que se adapte ás necesidades actuais de cada municipio”, aseguraba.

Artigos relacionados

Back to top button