ConcellosEn portadaÚltima horaVídeosVilamartín

Reunión da veciñanza de Baxeles (Vilamartín) co subdelegado do Goberno pola falta de comunicación telefónica na localidade

Na xuntanza expoñíanse as posibles solucións para resolver canto antes esta problemática, segundo indicaba Emilio González

 

A veciñanza de Baxeles (Vilamartín de Valdeorras) reuníase ás 11h. deste mércores 13 de marzo co subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, no Concello de Vilamartín para abordar as solucións á problemática de falta que comunicación telefónica que levan sufrindo dende hai dous anos. Tras a supresión do cobre pola fibra, quedáronse sen teléfonos fixos, “xa que aquí non colocaron a fibra e, no caso dos móbiles, non temos cobertura e para poder comunicarnos temos que saír á estrada”, tal e como lle explicaban os veciños ao Periódico O SIL.

“Estamos aquí para escoitar as demandas da veciñanza de Baxeles na reunión que imos ter a continuación. Valoraremos con eles e concretaremos as posibilidades de resolución que poida haber en canto a comunicación telefónica e tamén evidentemente de extensión de banda ancha e de fibra óptica. Explicaráselles polo miúdo cales son as posibilidades que teñen para contar, o antes posible, cunha comunicación”, dicía o subdelegado do Goberno, que acudía á xuntanza acompañado por un experto.

 

 

“Hai un obxectivo que é o de achegar a todos os núcleos rurais de España e da provincia, e a este tamén. a banda ancha. Dende logo a provincia de Ourense e a nivel de extensión de banda ancha a terceira de España. Deste problema tivemos coñecemento grazas ao alcalde e imos a intentar darlle a todos unha solución. O obxectivo do goberno é que o medio rural teña a mesma comunicación que os núcleos máis poboados e intentar romper esa brecha dixital para impulsar unha solución axeitada a todos os veciños o antes posible”, indicaba o subdelegado do Goberno, antes da reunión.

 

 

Nela tamén participaba o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, quen agradecía a visita a este municipio de González Afonso. “Grazas ao subdelegado do Goberno por atender a demanda do Concello, que responde á súa vez a demanda expresada pola veciñanza de Baxeles que están preocupados por unha situación que se vén alogando demasiado no tempo. Todos estamos preocupados porque a situación é complexa para eles polo feito de que hai xente maior que está sen cobertura e sen teléfono e que, dalgunha maneira, queren saber que é o que se vai facer dende o Concello e dende a adminsitración e entendemos perfectamente a demanda da veciñanza”, afirmaba o rexedor.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button