O Auditorio Julio Vázquez da Proba de Trives acollía esta tarde unha reunión informativa dos profesionais do INECO, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; que achegaban asesoramento dixital a empresas e veciñanza.
Estes técnicos estarán en Trives todo o mes para impartir cursos formativos, segundo a información feita pública dende o Concello, que ademais especifica que estas accións formativas están dirixidas a dous tipos de público: a empresarios (autónomos e empresas, para axudarlles a mellorar en dixitalización corporativa) e á poboación en xeral. A formación busca aportar “ferramentas e coñecementos para aprender a facer videoconferencias, manexo de WhatsApp, redes sociais, pedir citas médicas por internet, certificados dixitais…etc”, indica o Concello de Trives.
Esta reunión servía de punto de partida para que a sociedade trivesa expresase os temas polos que ten especial interese dentro deste eido e para concretar o horario máis adecuado para impartir os cursos. Partindo das propostas dos asistentes, e de forma consensuada, a inteción é a iniciar a formación en distintos grupos.
“Trátase de unha oportunidade importantísima da man dos mellores profesionais do mundo nesta materia, que pasarán unha tempada en Trives para profundizar na dixitalización social e empresarial sen coste algún para a poboación”, engade o grupo de goberno trivés.
Fotos cedidas.